Opinión

Aqueles tempos

Cando penso que te fuche, / negra sombra que m’asombras”. Prós que son novos e pensan que escomenzaron a falar e escribir en galego e a propagalo, hai que lles dicir que eu mameino na miña benquerida aldea de San Pedro de Moreiras, e sendo, en diferentes etapas, vicepresidente e presidente do laureado Orfeón “Unión Orensana”, cun fato de compañeiros fixemos pasar pola súa prestixiosa tribuna aos máis insignes galegos durante a dictadura. Todos bos e xenerosos.

Da man de Don Ramón Otero Pedrayo, meu gran e benqueridísimo amigo, que me honrou coa súa amizade e a súa conversa, xa na rúa da Paz ou na casona de Trasalba, nas Semanas Culturais por Santa Cecilia foron pasando pola nosa tribuna outros persoeiros amigos, como don Vicente Risco, don Xesús Ferro Couselo, ou don Joaquín Lorenzo “Xocas”, que sempre dicía: “Eu son o etcétera”, pois a xente só nomeaba aos primeiros antes de chegar ao etcétera final.

Logo falaron don Sebastián M. Risco, don Francisco del Riego, don Ramón Carballo Calero, don Álvaro Cunqueiro, don Ramón Piñeiro, don Amable Lorenzo, o benqueridísmo Carlos Casares… En fin, todos os galeguistas “do interior”, que falaron, tamén Paz Andrade no noso galego aínda non normativizado.

Foi unha ledicia coñecelos, tratalos, cear con iles, parolar sobor do divino e mailo humano. Esquecíame de don Xosé Filgueira Valverde, de don Julio Ogando Vázquez… Que xentes boas e xenerosas que xa están no Reino da Verdade. Elí de onde non se volve.

Co que máis intimei foi con Don Ramón, ao que tamén tiven a honra de propor, logo de finar don Vicente Risco, como Cronista Oficial de Ourense cunha moción en galego, coido que a única que se fixo no noso concello durante a dictadura, e que foi aprobada por unanimidade. E lembro que cando David Ferrer Garrido e máis eu llo fomos comunicar á rúa da Paz, Don Ramón, con aquela sorna que tiña, e logo de que a súa dona Fita nos obsequiara, como sempre facía, cunhas copas de Oporto, díxonos: “Esquecéronse vostedes dunha cousa. Tíñanme que ter traido unha pluma de ave”. Sorrimos mentres saboreabamos ese viño colleitado nas ladeiras do Douro, perto de Lamego, no país veciño e irmán.

E, ao nos despedir, sempre dicía o mesmo. “Teñan coidado que estas son as peores escaleiras de Ourense”. Un día, Carlos Casares, o grande escritor de Xinzo de Limia, díxome: “Coido, Manolo, que xa as debeu de medir”.

Cantas lembranzas de un vello que ama a Galicia, síntese español por historia e europeo por cultura. “Si cantan, es ti que cantas; / si choran, es ti que choras; / i es o marmurio do río / i es a noite i es a aurora.”.

Te puede interesar