Opinión

Banda de música, ¡sí!

Ourense foi dende sempre un semilleiro de músicos. Bandas de música de Entrimo, Celanova, Bande, Vilanova, Moreiras, O Carballinño, Ribadavia, Maside, A Manchica, As Pías… En todos estes lugares houbo e inda hai bandas de música. As nosas xentes, lembro dende rapaz e xa vou pra os 83 abriles, sabíanse o pentagrama e non sabían multiplicar e dividir. Na nosa cidade ourensá, a Banda de Música foi –como en tódolos lados- unha mostra de grande cultura dun pobo.

No 1919, a Banda de Música de San Pedro de Moreiras –miña aldeia- conseguiu na Praza Maior de Ourense o primeiro premio nun certame onde participaran entre outras La Lira de Ribadavia, dirixida por un irmán do meu pai que se chamaba como quen esto escrebe.

Desfíxose a Banda na fogueira de 1936, mais o meu tío Manuel Rego Nieto fundou a Banda Popular, que facía as veces da Municipal que por razós obvias desfixérase. Houbo un baixón de bandas cando o “reinado” de monseñor Temiño, que impedíalle aos abades que as bandas que tocaban pra que a xente beillara ou escoitara, tocaran durante a misa. Meu bo pai dicíame cando eu viña de discutir con Temiño: “Non lle fagas caso que é xordo”.

A mañáns domingueiras non se concebían sen un concerto no Palco da Alameda, que pra iso está feito, dun concerto de músicos da capital e dos arredores: Moreiras, Alongos, Soutopenedo… A Corporación Municipal sempre se viu acompañada pola banda, en calesqueira acto institucional, festivo ou relixioso.

Nos oito anos que eu fun presidente da Comisión Municipal de Festas organicei no Estadio do Couto certames de bandas. Din os que entenden que a música amansa ás fieras. Eu digo que os cartos que se adican a esa cultura popular ou non popular, senón institucional, son ben empregados. Son a ledicia das xentes cultas, inda que non teñan estudos. A nosa Banda Municipal de Música debe permanecer e crear unha escola de músicos que é perfectamente compatíbel co Conservatorio.

Lembro, e remato, a directores como o mestre Pinilla, os irmáns Basoco, Bragado… E cando eiquí inda estaba o Regimiento de Zamora nº 8, había unha Banda Militar que desfilaba o día da Inmaculada Concepción, e tamén o día de Corpus, deseguido dos gastadores e diante do resto do Regimiento.

Agora que vai chegar unha nova Corporación, que mellore o convenio coa Banda pra que os músicos gañen un xornal decente que os anime máis a recrear os nosos ouvidos. Meus parabéns pra quenes fagan esto último, xa que logo cando naceu o Neno Deus os anxos tocaban tódolos instrumentos, entre eles as gaitas coas que tamén nos deleita a Real Banda que dirixe con acerto o mestre Xosé Lois Foxo.

Te puede interesar