Opinión

Cara onde vai o PSOE?

Na miña etapa na clandestinidade, tanto no Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) como na Xunta Democrática, non atopei ningún militante do PSOE ata o ano 1975 no Hotel Eurobuilding en Madrid, nunha xuntanza tolerada por Martín Villa cando estabamos tódolos grupos políticos das Españas. Unha sopa de letras.

Logo de estar reunidos dende as dez da mañá, cando chegou a hora de redactar o documento suscrito por todos, os vascos querían que se fixese no mesmo unha mención de condena polos últimos fusilamentos de Franco, e foi entón cando Enrique Múgica, en representación do PSOE, levantouse e dixo que se opuña a que figurara esa condena pra non “cabrear aos militares”. E tiven que ser eu, en nome do CFPG –logo fíxoo un da Xunta- quen lle dixera a Múgica: “É que xa nos imos agochar ante os militares?”.

Chegaron as legalizacións dos partidos, a do Partido Comunista en 1976, menos a da ORT e mailo Partido Carlista, os únicos que quedamos fora da legalidade. O que segue xa o coñecen os lectores. A UCD de Adolfo Suárez gañou os primeiros comicios pra logo coller o relevo o PSOE que deixara o marxismo.

O PSOE arrasou no 1982 con eslóganes como “OTAN de entrada, no” e a promesa dos 800.000 postos de traballo que ían crear. Pero tamén naqueles anos de goberno Alfonso Guerra, que estaba en Portugal de turista, quixo chegar a tempo de ver a Curro Romero que toreaba na Maestranza. Mais como había unha moi grande cola na aduana de Ayamonte, pediu un Mystere do Exército e chegou a tempo. Alí escomenzou tamén co seu irmán Juan a corrupción política. E o PSOE meteunos na OTAN “de entrada, sí”. Lembren os roubos de Filesa, Roldán, etc., etc. E tamén o terrorismo de Estado co caso dos torturados e mortos Lasa e Zabala, e o secuestro de Segundo Marey, un cidadán francés ao que os Barrionuevo, Vera e cía. confundiron cun etarra. Coma estes, a directora do BOE levantouse co santo e coa esmola.

Os 800.000 postos de traballo non apareceron por ningures, e moitos votantes desilusionáronse xa no segundo mandato de Felipe González, que tivo que pactar con Jordi Pujol prá gobernanza a nivel estatal. E varias comunidades tamén pactaron, como pasou eiquí co tripartito que presidiu González Laxe.

Ata que chegou José L. Rodríguez Zapatero co seu “talante” mais ningún talento, e escomenzou por desfacer o acordado na Transición con revanchismo, e baleirando as arcas que lle deixaran cheas os do PP de José María Aznar, tardando en non recoñecer a crise ata que o chamaron Obama e Merkel.

Hoxe hai casos de corrupción en tódolos partidos a esgalla, e o de maior “relumbre” é o dos ERE andaluces, onde están implicados perto de douscentos pesoistas e sindicalistas da UGT, o sindicato irmán do PSOE. E como a corrupción xeneralizouse co Gürtel, Bárcenas, etc., o persoal colleu un cabreo de nai e señor meu.

Ven todo esto a conto de que na última enquisa do CIS o PSOE aparece como terceira forza, por tras de Podemos, o cal é inquedante, xa que istes bolivarianos, que aínda non tocaron pelo, queren pór todo de patas enriba. E non teñen o talante-talento do PC.

Pois daquelas e destas augas, istes lodos. O PSOE está feito uns zorros en tódalas Españas, e o traicioneiro Zapatero xúntase no domicilio de José Bono cos líderes de Podemos, sin que Sánchez nin Susana Díaz souperan nada de nada. Estas son as navalladas que hai no segundo partido político máis antergo de Europa – logo do Partido Carlista-, a quen as municipais e autonómicas preséntanselle moi complicadas, se lle facemos caso a enquisa do CIS na que o PP segue de primeiro, pois non ten ninguén na dereita que lle faga sombra. O PSOE, asemade Podemos, ten a Rosa Díez e Albert Rivera que lle poden restar votos. Esquerda Unida está máis desunida que nunca dende que Anguita a deixara.

As enquisas son ao meu xuízo uns barómetros no momento en que se fan, pero logo cando chegan as eleccións moita xente que hoxe non sabe non contesta, pode arrimarlle votos tanto o PP como ao PSOE, inda que dada a demonización que se está a facer de Podemos a dereita pode subir máis, xa que as Españas son conservadoras. E como a economía dentro do sistema capitalista da Unión Europea sega a mellorar, o PP manterase como primeira forza.

No PSOE ou se poñen dacordo os baróns e arroupan a Pedro Sánchez e teñen bos resultados en Andalucía, ou, como non saia isto, xa poden ir pensando en refundar o Partido e ter todos o mesmo discurso nas Españas, e en tratar de non irse á esquerda en demasía e buscar o voto centrista. Que Deus reparta sorte! Ollo, vista e ao touro…

Te puede interesar