Opinión

Dende Moreiras, graciñas

Os que nacimos nunha aldeia tan fermosa e benquerida como San Pedro de Moreiras sentímonos cheos de ledicia cando alguén escribe sobor da nosa historia, inda que sexa da máis recente. Estano a facer David e Pablo Sabucedo, dous mozos que non queren que as xeracións vindeiras descoñezan o que foi este lugar nesta bocarribeira perto da capital.
Os que somos xa vellos e dende nenos xogabamos nos carreiros, iamos ao monte coas vacas, bailabamos na Praza nas festas do Carmen e de San Pedro, escoitabamos aos nosos devanceiros as historias, que esí é como se escrebe o pasado.
Os que fumos percorrer as Españas coas xentes de Moreiras no Circo Feijóo, xa como montadores, electricistas, músicos…, dende os anos da fogueira de 1936 e despois coas cartillas de racionamento, desas boas xentes coas que convivín horas e máis horas. E con algúns deles polas mañás, cando non había espectáculo visitabamos as cidades, ou iamos ás praias, e xa logo no inverno voltabamos pra nosa Terra, eles cos cartiños frescos e con mercancías dos racionamentos extra que había nas festas maiores onde iamos.
Os que festexabamos o San Blas na Praza que agora se chama da Constitución –denantes a da Igrexa-, logo no San Pedro e despois no Carmen, e compartiamos o xantar cos amigos ou parentes que viñan á nosa benquerida aldeia, onde meu benquerido pai dálle nome a unha praza.
Os que lle puxemos, e pomos, froles aos nosos defuntiños, de quen aprendimos a ser xenerosos e bos cos demais. Os que pregamos unha e outra vez e moitas na nosa “Catedral” barroca, que na cima do pobo aparece ergueita como símbolo dunha fe que herdamos e que non desexamos perder.
Os que iamos a pé dende a capital a pasar o día coa familia e cos amigos e voltabamos andando a esta cidade nosa camiñando entre os morogos roxos, os piñeiros e carballos, pola curva da Moura sempre xeada nos invernos longos.
Todos alegramos moito de que haxa quen como David e Pablo, ou como quen escrebe nestas páxinas gabándose de ser adoptivo de Moreiras ao casar con algunha das froles fermosas que en Moreiras naceron, todos dicimos: graciñas, amigos. Seguide a escreber o que saibades diste nos pobo: “Perto dos Castros de Trelle/ nunha florida ribeira/ onde toda clas de plantas e alboriños vexan/ érguense as xa non humildes chouzas de San Pedro de Moreiras”.
PD.: Un colaborador do xornal madrileño das tres letras quere vincular ao mártir monseñor Romero co Opus Dei. Que xente…! Responde as iniciais J.F.S.O.

Te puede interesar