Opinión

Unha empresa exemplar

Hai varias empresas exemplares na nosa provincia, máis das que pensamos. Non todo é despoboación nin alto porcentaxe de xente maior. Chega ás miñas mans “La Revista” que edita Coren, e non me resisto a escribir sobor dela. Da empresa, non da revista, que esta só é o fiel reflexo das actividades que o grupo Coren leva adiante coa
patente ourensana.

E o primeiro que me ven ao maxín é quen fora o seu fundador, un grande amigo meu, que me honrou coa súa amizade:
Eulogio Gómez Franqueira. E co que compartín inquedanzas, non somentes as comerciais que lle rebulían na cabeza, senón tamén inquedanzas políticas, nas que coincidiamos no esencial.

Lembro unha conferencia que din no Orfeón “Unión Orensana” en 1973 a que il asistiu, aínda non fundara Coalición
Galega, e na que o remate lle presentei a D. Ramón Otero Pedrayo. Eulogio, que na súa xuventude militara no galeguismo, amosou unha gran ledicia na breve conversa que tivo co mestre de Trasalba, que tamén se alegrou moito de o coñecer persoalmente. Lembro tamén as viaxes a Madrid, a Coruña…

Agora, da man do seu fillo e a súa neta, ergueron ao grupo Coren a unha altura moi difícil de chegar. Eulogio, dende ese
ceo no que cría, estará a sorrir de ledicia.

Repaso “La Revista”, onde aparecen grandes logros como o Centro Tecnolóxico de Carne, a Axencia Galega de Innovación, ou a gama Selecta, un éxito na feira Gourmet de Xapón.

E penso na cantidade de persoas que traballan arreo pra levar o nome de Ourense, de Galicia e de España por ises mundos de Deus. Claro que na nosa provincia hai empresas exemplares en distintas facetas. Claro que eí están os polígonos de Barreiros e de San Cibrao das Viñas, onde iste xornal dá conta de cotío de todo o acontecer ourensán.

Lembro cando fun con Ángel Carreño e Rodríguez-Maribona por Alemaña e Francia pra pór as bases das industrias que hoxe dan traballo ás nosas xentes, que saben ser responsables dos seus cometidos.

Noraboa a quen, pese a moita crise, souperon manter os postos de traballo e aínda aumentalos, nesta nosa provincia
que non foi precisamente moi axudada, nin dende Madrid primeiro, nin hoxe dende Compostela. Parabéns aos que loitan a diario para xerar riqueza. Que o Deus Todopoderoso os bendiga e que nós os ourensáns saibamos valorar o esforzo de quen un día sí e outro tamén fan do traballo a felicidade de tanta xente.

Te puede interesar