Opinión

Esquerda Unida

Non corren bos tempos pra Esquerda Unida nas Españas. As enquisas sinalan que a irrupción de Podemos, ese movemento bolivariano que quere pór todo patas enriba, pode deixala como unha testemuña. Esquerda Unida é fundamentalmente o Partido Comunista, como a UPG no Bloque Nacionalista Galego. Santiago Carrillo pactou cos poderes fácticos para facer a Transición, aceptando a bandeira roxa e gualda e maila monarquía que temos. De entrada tivo unha boa morea de deputados, mais logo foi costa abaixo ata se converter nunha pequena opción esquerdista.  A dereita é conservadora dun orden determinado, e a esquerda é –ou debe ser- a innovación. Esquerda Unida ten forza en Madrid e máis en Andalucía, onde foron o caxato no que se apoiou o PSOE-A. Mais agora están a rachar nises dous feudos, e moitos incorpóranse a Podemos. Sobor de todo en Madrid, onde Tania Sánchez, a compañeira sentimental do coletudo Pablo Iglesias vaise con il, e con ela moita militancia comunista. A paradoxa é que en Cuba está a punto de irse o comunismo e eiquí quéreno impór os de Podemos.  Podemos, marxistas-leninistas, co líder Monedero, defende ese socialismo incompatible coa propiedade privada, cousa que non defende EU. O ideólogo Juan Carlos Monedero afirma que, por exemplo, Rusia deu educación, traballo e saúde, e que Cuba é o estandarte da diñidade no continente iberoamericano. ¿Cando estivo este marxista na Unión Soviética ou en Cuba? ¿Ou é que non se enterou do que alí se coceu? Esta é a esquerda que Podemos quere recubrir de toda clase de fraude político.  O que sucede é que o PP e mailo PSOE, coa súa corrupción a esgalla, dánlle chance a esta xente. E desas augas veñen estes lodos. Todas as opcións políticas poden ter a súa presenza na democracia, contra a que curiosamente eles loitan pra cando gañen e gobernen dárlle a volta á tortilla e traernos uns plantexamentos que xa fracasaron nesa Rusia e nesa Cuba da que escribe e fala Monedero. Hai que agardar ás eleccións autonómicas e xerais pra saber se Podemos ten o respaldo que lles dan as enquisas ou é un “souffle” político de moitos cidadáns cabreados co bipartidismo.  PD.: Quero sumarme ao expediente de honra que lle quere facer o concello ao meu benquerido e vello amigo Arturo Baltar. Noraboa a todos.

Te puede interesar