Opinión

El federalismo de mella

Un dos problemas que teñen agora as Españas, con independencia do paro, é sen dúbida algunha a vertebración territorial. Algo que non ven de hoxe, senón que xa leva moitos anos no candeleiro político. Teño escrito nestas benqueridas páxinas sobre as posturas que os partidos políticos manteñen, e nas que non se poñen dacordo. E nestas estaba cando chega ás miñas mans “La solución federal para España que Franco rechazó” (Ediciones Eunate), un libro escrito por Manuel Martorell (Elizondo, Navarra, 1953).

Iste prestixioso historiador desgrana en perto de trescentas páxinas a loita que mantivo o carlismo perante a dictadura e a postura de xentes que aconsellando a Franco quitáronlle da cabeza a idea de que unha solución federal non podería evitar o actual contencioso político con Cataluya e mailo País Vasco.

Martorell adícalle un apartado a “El federalismo de Mella”, un político, teórico, historiador e elocuentísimo tribuno que o meu xuízo foi, con Castelar, dos oradores máis brillantes do século XIX. Sobor Vázquez de Mella están no arquivo diste xornal varios artigos de quen enriba firma, publicados perante a dictadura. Cando eu fun concellal, no noso concello ourensán estaban as obras completas diste asturiano de corazón galego.

Na evolución ideolóxica do carlismo, Mella soubo teorizar sobor da necesidade do federalismo partindo dos Fueros que inda disfrutan Navarra e o País Vasco, o que lles reporta sen dúbida un alto nivel de vida, e un de paro moi pequeno. Afirmaba o tribuno carlino que “non hai progreso sen tradición nin tradición verdadeira sen progreso”, e en novembro de 1905 no Congreso, que as relacións co Poder Central deben establecerse de “forma federativa”, respeitando as liberdades rexionais non soio económica e administrativamente, senón, tamén, “na súa propia lexislación no que ten de especial”.

No seu viaxe a Chile, Mella declarou ao xornal El Independiente: “Eu quero pra tódalas provincias de España, coas diferencias propias de cada unha, os Fueros das Vascongadas”. E a El Correo Español en xuño de 1893 sobre as súas posicións catalanistas: “Tedes dereito a facer uso da vosa lingua en tódalas ocasións que queirades, como os galegos deben e podan falar a súa, como os de Castela na fermosa lingua castelá”. Mella deféndeo coa súa verba “sociedalismo” pras estruturas socioeconómicas, e foi un paladín na defensa do Estado federal, que sen dúbida sería a vertebración idónea pra acabar cos separatismos e o centralismo.

Te puede interesar