Opinión

FIDEL E A RELIXIÓN

Chega ás miñas mans o libro editado pola Oficiña de Publicacións do Consello de Estado, La Habana 1985, 'Fidel e a relixión', que contén unhas conversas que sostivo o dominico brasileiro da Teoloxía da Liberación Frei Betto co dictador cubano. Resumirei o que poda estas conversas -xa que logo Fidel solta unhos rollos interminabeis, como os seus discursos-. Pois ben, o dominico Frei Betto declárase admirador de Fidel, que di que é como o Partido Comunista Cubano, ateo.


Poñamos algunhas das respostas do líder da Revolución que o levou ao poder fixo cincoenta anos. Somentes algunhas. Pois faría falla un espacio do que non dispoño pra resumir as parolas do Fidel: 'Houbo algunha participación cristián na loita, ao final, como cristiáns; houbo, incluso, algúns mártires'. Eu engado, pois esí lles pagaches...


Fidel dí: 'Boeno, unha das primeiras leises foi a lei da confiscación de tódolos bens malhabidos... fincas, negocios, industrias que habían roubado ao longo da tiranía. Da tiranía de Batista'. Pois non, Fidel, xa que confiscastes a tódolos que antes da era de Batista, 'Que se moja pero salpica (Batista)', galegos incluidos, que co seu traballo a reo conseguiron ter unhas propiedades lexítimas, como tamén o Centro Galego, pagado cos cartos dos nosos paisanos, e que Fidel quedouse con íl. Bueno, Fidel minte, e que máis lle da.


E cando o dominico pregúntalle si está dacordo con que un cristián queira integrarse no proceso revolucionario, Fidel responde: 'Eu, por principio, non podo estar dacordo con ningún tipo de discriminación. Así. Dígoche francamente. Si me preguntas si existe certa forma de discriminación sutil cos cristiáns, direiche que si, honestamente teño que che dicir que si e que non é unha cousa superada todavía entre nós'. Eu lembro cando estaba no Consello de Forzas Políticas Galegas, na clandestinidade, que un membro do Movimento Comunista espetoume: 'Agora estamos xuntos, máis cando gañemos, acabaremos con vosco'. ¡Vaia demócratas...!


Fidel nega que exportaran a súa revolución a América Latina; pro home, ¿é que hoxe na Venezuela de Maduro non hai centos de cubanos como mestres, ensinando a ser revolucionarios, e no exército? ¡Ai, como minte o Fidel!


O dominico dille que a Igrexa e a institución máis anterga do mundo, ao que Fidel respóstalle: 'A Igrexa pode ser a máis anterga, e pasou por moitas probas difíciles... E certo que a pedra de San Pedro, sobor da cal se edifica a Igrexa Católica, é unha pedra sólida, unha pedra dura, e demostrouno ao traveso da historia con experiencia e sabedoría'. Graciñas, Fidel.


Fidel dí que non manda en Cuba, que é o pobo revolucionario. Mais o dominico non pregunta se hai liberdade de prensa, se hai sindicatos libres, se a xustiza é independente. Nin lle pregunta polos miles de asasinatos que cometeron en nome da Revolución. Nin por qué non deixa emigrar aos cubanos. Nin por qué fusilou ó xeneral Ochoa. E por qué, logo de anos e máis anos, hai miseria, faltan mediciñas nos hospitais, ten a centos de presos nas cárceres cubanas anos e máis anos. E soio quedan, esto o digo eu hoxe, logo do fracaso da Revolución comunista, Corea do Norte e Cuba.


Eu tamén defendo a Teoloxía da Liberación, mais sen connotacións marxistas, porque aos pobos da América hispana non somentes hai que lle levar o Evanxeo, que tamén, senón axudalos a construir unha vida mellor contra as dictaduras militares e os ricos que se senten aopiados polos EE.UU., causantes da explotación e da pobreza e dos asasinatos como o de aquel arcebispo, Oscar Romero, que asasinaron cando consagraba, e ao Padre Ellacuría e aos seus compañeiros. Todos comprometidos co pobo. Cós pobres, non cós ricos.


Te puede interesar