Opinión

FRANQUEIRA

Dun tempo a esta parte Ourense deixa a amnesia e lembra a seus fillos: Alexandre Bóveda, Alejandro Outeiriño, agora a Euloxio Gómez Franqueira. Franqueira foi un grande amigo de quen esto escribe.


Fixemos viaxes xuntos no seu coche. Cenamos en Madrid, Vigo e na Coruña, e aviseino cando unha revista importante quería facer unha reportaxe meténdose con íl. Fíxeno socio do Orfeón 'Unión Orensana', unha data en que eu pronunciaba unha conferencia -durante o franquismo- sobor do rexionalismo, onde reivindicaba o autogoberno dos pobos das Españas. E ao final da mesma presenteille a don Ramón Otero Pedrayo, o cal íl non trataba, e falamos os tres de Galicia. E o Euloxio colleu a idea de facer un partido político que se chamou Coalición Galega.


Franqueira soupo coñecer a ialma dos nosos paisanos e conseguir que deixaran a un lado o seu secular individualismo, e creou unha grande cooperativa, que deu de comer e de facer moitos cartos a moitos ourensáns da nosa sempre esquecida provincia. E lembro que cando viaxou aos EE.UU., ao chegar pregunteille: '¿Qué tal por esas terras?'. E Franqueira espetóume: 'Manolo, aquelo é apabullante'.


Por iso agora, cando os empresarios ourensáns queren darlle o seu nome á nova estación do tan ansiado AVE, eu digo: ¿onde hai que firmar? Pois o Euloxio, asemade de crear riqueza, era un home bó e xeneroso como poucos. E demostrouno íl, con David Ferrer Garrido, cando xuzgaron a don Ricardo Martín Esperanza 'Caíto' en Madrid, e foi de testigo pra defender a outro home bó e xeneroso.


A min ofreceume un posto de traballo, cando fun nomeado xefe de relacións públicas da Oficiña Provincial de Inversións -da que íl era conselleiro-, e eu díxenlle que había que agardar en que quedaba aquela Oprin que tan ilusionadamente capitaneou David Ferrer e Ángel Carreño.


A miña felicitación aos promotores desta fermosa idea, e engado: ¿Onde hai que firmar pra que esto sexa unha realidade?

Te puede interesar