Opinión

Hai que contalo

Inda que sexa moi brevemente, débese contar todo aquelo de quen traballou polo noso Ourense. No 1971 foi fundada a Oficina Provincial de Inversións (Oprin). Estaba formada por dous estamentos, o Consello Rector, no que estaban o gobernador civil Guillermo Fernández Júlvez; David Ferrer Garrido, como presidente, e como conselleiros que agora lembre Eulogio Gómez Franqueira, José R. Reza, Nemesio Pereira e José Fernández Borrajo. Logo estaba o Equipo de Traballo, cuio director era Ángel Carreño, e que formabamos quen esto firma, Luis Castro Somoza (abogado do Estado), Ángel Ligero, José Platero Paz, César González Mouriño, García Manzano e o chófer Antonio Lorenzo Varela.

O obxectivo era industrializar a provincia no sector servizos, a gandería… No Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas somentes estaban Muebles Calvo, Coren, Barreiros e pouco máis. Traballamos arreo ata chegar ao que hoxe hai: oito mil postos de traballo.

Faría falla unha conferencia pra ir detallando os aconteceres. No 1971 fumos José Suárez, o noso gran fotógrafo alaricano e fimador de cine, José Luis Bobillo, e máis eu co chófer a percorrer tódalas estacións de montaña do Pirineo de Francia e Andorra pra ollar de facer un estudo sobre o que logo sería Meisa. Estivemos na Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Barcelona. Foron incontables as viaxes que fixemos Carreño e eu á Catalunya europeísta pra falar con empresarios. Que algún trouxemos. Eu mesmo fun a Cassá de la Selva (Girona), pra conseguir a patente da Cerveza San Martín. Lástima dela!

Viaxei a Alicante, a Écija (Sevilla) e con Carreño a Alemaña e Francia, con resultados moi positivos. No verán de 1972, e conto esta anécdota como final dunha serie que se prolongaría páxinas e máis páxinas, mentres estaba coa miña familia disfrutando das vacacións en Baiona, chamoume Platero pra me dicir que tiñamos que ir a Meirás a ver a Franco… Eu resposteille: “Pero se nós non somos do equipo xestor e non temos pito que tocar!”. Mais Pepe Platero dixo que era orde do xefe. 

Pois aló fumos. Eu non tiña coche e levoume Franqueira, que estrenaba un Mercedes. Fixemos noite no Hotel Finisterre e a mañá seguinte recibiunos Franco (e non conto a anécdota que lle pasou a Pepe Platero pra non alongar iste artigo). O conto é que David Ferrer faloulle a Franco das “maravillas” que estabamos a facer. E ao remate, o xefe do Estado deunos as gracias polo noso traballo e finalizou, son palabras textuais: “A mí siempre me preocupó mucho la provincia de Orense”. Ao saír díxenlle a Franqueira: “Menos mal que lle preocupamos dende sempre, senón andariamos a catro patas”.

Te puede interesar