Opinión

Un home doente

Como pasa o tempo, meu Deus! Trinta e seis anos do pasamento de don Eduardo Blanco Amor. Parece que foi onte cando acompañei o seu cadaleito dende o Hospital Santa María Nai ata o Salón de Sesións do noso Concello, onde a cidadanía dáballe o derradeiro adeus.

Unha tardiña que eu estaba a traballar no Concello nas miñas tarefas como tenente de alcalde, chegou o grande escritor e novelista, a quen eu non coñecía persoalmente. E logo de nos presentar mutuamente, don Eduardo, que chegara das Américas despois de moitos anos, pediume se podía adquirir pra o Concello un fato do seu ourensanísimo “La Catedral y el niño”, il que era fillo dunha florista nacido pertiño do noso templo maior.

Ben. Merquei o que me pedía. Tempo máis tarde, viña de cotío ao Hospital Santa María Nai, do que eu era xerente, pois tiña unha grave doenza de corazón, da que finou en Vigo anos despois. E cando xa pasara á consulta co Dr. Montero achegábase ao meu despacho pra que o levara á súa “grileira”, que era como lle chamaba ao seu apartamento nas Lagoas. E algunha vez ollábamos pasar o tren e dicíame: “Ese foi na Arxentina meu compañeiro pra percorrela”. Mais antes parabamos na farmacia do Román pra mercar as mediciñas que lle receitaran no Hospital. E sempre me dicía: “Xa llas pagarei, pois non ando moi ben de cartos”. Tiña unha subvención da Condesa de Fenosa e así ía tirando.

Lembro que unha vez que viaxamos a Madrid meu primo Adolfo e máis eu, fumos xantar ao Hogar Galego. Don Eduardo estaba cun amigo que fora colaborador de Fraga no Ministerio de Información e Turismo, co que parolei (xa o contarei outro día). “E logo que milagre polos madriles, amigo Rego”. “Pois viñemos a unha xuntanza do nos Partido Carlista, que nos están a pegar hostias un día si e outro tamén”. E don Eduardo, cunha grande retranca, espetoume: “Pois xa vai sendo hora de que as den vostedes”. Sorrimos.

Unha das veces que o levei a grileira, onde se desafogaba dicindo que en Ourense non o coñecía ninguén e que se sentía doente do corazón e da alma, pediume que o invitara a falar no Orfeón que eu daquela presidía, onde nunca o fixera. Pois ben, cando chegou a Semana Cultural que a nosa laureada sociedade celebraba tódolos anos en honra de Santa Cecilia, falei con il pra invitalo e díxome que non tiña ganas de dar conferencias. Esí quedou a cousa. 

Como pasa o tempo! Que vello son. Logo o atoparei nise Ceo que nos espera e direille: “Don Eduardo, non lle reclamo o que me debe. Eiquí no Ceo todos somos felices”. Como feliz era calquera que o lera os luns na desaparecida Hoja del Lunes. Compartiamos páxina, unha moi grande honra para min, como foi coñecelo e tratalo.

Te puede interesar