Opinión

Isto anímase

Alguén díxome que a democracia é moi aburrida. Pode ser, mais no período electoral a cousa anímase. Juan Carlos Monedero, ese amigo do asasino Nicolás Maduro, que entre os dous arruinaron a centos de galegos na Venezuela ricaz; digo que ao “ideólogo” de Podemos puxérono de “patitas en la calle”, porque ao Pablito Iglesias, ise coletudo en mangas de camisa, molestáballe o protagonismo do seu compañeiro.

O suflé podemista parece –digo parece, pois en política nunca se sabe- que empeza a costa abaixo. Xa nas eleccións andaluzas levaron un desengano e seguramente nas municipais vailles suceder o mesmo, o cal beneficia ao PSOE e Esquerda Unida, pois é nises caladeiros onde Podemos pesca os votos. E inda non tocaron pelo, como din os toureiros.

No PSOE tampouco andan moi contentes polos líos xudiciais que teñen de cotío, e isto nas vésperas das municipais non é, loxicamente, moi bo. Pois os seu líder, Pedro Sánchez, o do sorriso permanente, que leva dito cada disparate de pai e señor meu, agora dille aos seus correlixionarios que poden pactar con tódolos partidos menos co PP e Bildu. E logo o do sorriso permanente non lembra que o Partido Socialista de Euskadi pactou co PP vasco pra desbancar ao PNV? Esí paga o demo a quen o sirve.

Esta partitocracia formal ven sendo a xestión colectiva da proclamación dos dereitos humanos. Dos dereitos do home como cidadán no marco dun estado de dereito. O ministro de Xustiza parece que quería sancionar á prensa se publicaba filtracións, mais Rajoy paroulle o carro. Xa dixera o pensador francés Burdeau que “a xuzgar pola preocupación que causa aos gobernantes, a liberdade de prensa é unha liberdade fundamental porque fai difícil a tarefa da gobernanza”.

Pois esí andamos en vésperas dos comicios municipais e autonómicos, o cal fai que tamén os de UPyD cambien de chaqueta e afílianse a Ciudadanos, que ata agora non é nin carne nin pescado. Que igual pode pactar co PP que co PSOE. E non estou a defender a Rosa Díez, que amosa un “caudillaxe” sen tapuxos. Mais, como dicía no título, a cousa anímase e os que estamos en estado “gaseoso” pasámolo, como dicimos eiquí, de carallo.

P.D.: Finou o xornalista Xesús Hermida, ao que coñecín en 1960 subindo a Montejurra. Eu era o responsable de prensa do meu partido, íl traballaba en La Actualidad Española, do Opus Dei. Rubindo o monte había un home que vendía xelados, e díxome: “Manolo, págame uno que dejé la cartera en el coche. Cuando bajemos te invito yo”. Pagueille o xelado e cando baixamos esqueceuse. Espero que no Ceo, se nos vemos, me convide a un xelado. Que descanse na paz do Señor este grande xornalista.

Te puede interesar