Opinión

José Suárez buscaba a Deus

Por encargo de José Luis Outeiriño, José Luis Tovar Bobillo e máis eu fumos percorrer no xaneiro de 1972 as estacións de montaña dos Pirineos: Candanchú, a Masella, a Molina, Andorra, Baqueira Beret e a francesa de Fontromeu. Acompañounos don José Suárez, o noso alaricano mundialmente coñecido como fotógrafo.


Tiñamos o encargo de facer un informe, e esí se fixo, pra que se erguese o que hoxe é Meisa en Cabeza de Manzaneda. Iamos nun Seat 1.500 da Deputación e, claro, parolamos dabondo tanto no coche como nos hoteis onde nos hospedabamos. Dáme a risa ao lembrar que un día don José díxome: “Rego, a min faláranme mal de vostede no Café Miño. E resulta que na semana e media que levamos xuntos comprobei que se equivocaron”. Sorrín e resposteille: “Mire, don José, que falen de un aínda que sexa ben. Que mal xa falan”. Foron unhas datas inolvidables. Eu vin como lle percorrían a don José as lágrimas de felicidade rubindo na telesilla en Baqueira, il que esquiara e fotografiara nas Américas e no Xapón. 


Estes días está no Monte Gaiás unha exposición das súas fotografías. Entre elas a emblemática de Miguel de Unamuno en “La Flecha”, na estepa castelá, fotografía que deu a volta ao mundo. E tamén unha serie chamada “Nieve en la cordillera”, que cando lla ensinou en Candanchú a Eduardo Roldán, a persoa que máis entende de neve nas Españas e que logo conseguín traer a Manzaneda por indicación de José Luis Outeiriño, fíxolle dicir: “Estas fotografías sólo las ha podido hacer alguien que sabe mucho de nieve”. Ese era don José Suárez.


Non me resisto a contar unha anécdota que nos pasou no devandito viaxe. Chegamos a Huesca camiño de Baqueira Beret e fixemos noite na cidade maña. Subimos ás habitacións e quedamos de nos ver no vestíbulo ao pouco tempo. O caso é que aos cinco minutos sonou o teléfono. Era don José, que me dixo: “Rego, veña á miña habitación”. Eu alarmeime por se se encontraba mal. Mais non. Abriu unha maletiña que levaba con el e ensinoume unha serie de obxetos que pra il tiñan un valor incalculable. Espetoume: “Mire, Rego, se me da a metade da fe que vostede profesa, eu doulle esta maletiña. E inda teño cartos no banco e algo en Allariz”. ¡Eu quedeime dunha peza, pois don José choraba! “A miña fe é moi pequena”, repostei, “non como pensa vostede”. Démonos unha aperta e baixamos á cafetería do hotel.


Veu algunha vez, xa en Ourense, á miña casa. Fixemos unha grande amizade. Mais pasados uns anos entereime da súa morte provocada. Entristecinme moito, pero teño a seguridade de que o Deus do Universo terao acollido porque don José andaba á súa busca. Eiquí o recordo, agora que no Gaiás hai esa exposición. Haberá que ir vela.

Te puede interesar