Opinión

Navara, que Navarra?

A Navarra política que eu coñecín de novo xa non ten nada que ver coa que hoxe configuran os partidos políticos. Navarra era carlista, menos Pamplona que sempre foi liberal. Franco, a pesares de lle conceder a laureada por ter sido o primeiro lugar que se alzou contra a II República con máis de dez mil requetés uniformados e preparados militarmente e ás ordes do xeneral Mola, non quería que os carlistas levaran a bandeira roxa e gualda coa que combatiran nas tres guerras civís, mais acabou aceptando ao recibir unha carta do director do Alzamento, o xeneral Sanxurxo, exiliado en Lisboa.

Logo Franco perseguiu de cotío aos carlistas, encarcerando a máis de un e chegando a pecharlle varios círculos. O Caudillo foi advertido no ano 1973 por un dos xefes carlistas, Miguel Fagoaga, navarro de Alsasua, de que os separatistas inzaran en moita xente nova, mais o xeneral do Ferrol respostoulle quitando importancia.

A cuestión é que o vaticinio aparece agora no mapa electoral, onde grupos independentistas como Geroa Bai, Bildu, Izquierda Unida e Batzarre suman máis votos que o partido rexionalista (UPN, os caciques que gobernaron moitos anos), culpables cun PSOE que sufriu unha debacle electoral, da posible configuración dun goberno de esquerda radical e independentista que quere a anexión ao País Vasco, pór de alcalde a Adolfo Araiz de Bildu, histórico personaxe de Herri Batasuna que se negou sempre a condenar os atentados de ETA, e a Uxue Barkos de Geroa Bai de presidenta foral.

Pois esí están as cousas na Navarra que non se parece nada a que eu coñecín, onde os carlistas fomos perseguidos e atacados por terroristas españois (Guerrilleros de Cristo Rey), franceses, italianos e arxentinos protexidos polas altas institucións do Estado, con Fraga de ministro de Interior, Adolfo Suárez na Secretaría Xeneral do Movimiento, e coas forzas de orde ollando cara outro lado no Montejurra de 1976, onde nos mataron a dous compañeiros, feriron a máis e algúns de nós fomos prendidos nos calabozos de Estella.

Daquelas augas estes lodos, e que Deus lle conservara a vista ao xeneral de Ferrol, que cando se lle advertiu do crecemento independentista, díxolle a Fagoaga: “Tranquilo, eso que usted me dice son meras especulaciones”. Navarra interésalle moito aos nacionalistas do País Vasco, pois é a despensa que lles pode abastecer de todo o que non teñen. E o Vello Reino xa non se parece nada ao que eu coñecín nas moitas veces que elí fun. E agora Navarra “vasca”?

PD.: O líder do PSOE, Pedro Sánchez, dixo que o grande poeta Antonio Machado nacera en Soria. Terao que ilustrar Susana Díaz, coa que, ao parecer, lévase moi ben.

Te puede interesar