Opinión

A Pablo Iglesias

Sr. Pablo Iglesias y Cía. de Podemos: Acaban de entrar na política española cos cartos presuntamente chegados da Venezuela en ruinas grazas a súa interpretación bolivariana, e asemade polo cabreo da sociedade española, xa que eiquí os casos de corrupción –que non son de hoxe- asolan as Españas, pois elí onde se toca sae pus dunhas Españas feridas moralmente. Non é que haxa inmoralidade, que sempre a houbo, senón amoralidade, xa que todo o que cae na rede é peixe.

Entrou vostede coa coleta da soberbia, que como dixera Quevedo –vostede debería sabelo-, “endexamais baixa de onde sube, pois sempre cae de onde subiu”. Mire, señor Iglesias, vostedes non teñen ideoloxía, non son comunistas, son neocomunistas. Eiquí, como escribira alguén neste xornal noso, xa hai un Partido Comunista, “que é tan diño como calquera outro”. Esí que non nos veña con milongas neocomunistas que agora quere disfrazar de socialdemocracia sueca. ¡Xa quixéramos ter unha política sociáldemócrata como a dos suecos!

As Españas son una Nación de Nacións, pois foi a xuntanza de tódolos reinos da Iberia, ten as súas tradicións, as súas vellas leis… A gran parte dos españois –galegos, vascos, andaluces, cataláns, extremeños…- levamos séculos profesando unha fe relixiosa do meirande revolucionario que houbo na historia, Xesucristo. Esí que respeten o estado aconfesional, afortunadamente, e non traten de impor un ateísmo que non conduce a ningures, pois non hai país neste planeta que non adore a ninguén, pois a relixión é tan necesaria pra os homes como o pan noso de cada día. ¡Mágoa dos que non cren! Hai que respetalos, e que eles nos respeten tamén a nós. Mais tratar de impor o ateísmo levarianos a carecer de alma, e como dixera moi ben Víctor Hugo –iso tamén o sabe vostede que presume de intelectual–: “A alma ten ilusións, como o paxaro alas, iso é o que o sostén”.

Coido que xa lle adiquei bastantes liñas, e no único que poidera coincidir con vostede é que os partidos políticos, nesta democracia formal na que estamos asentados na Europa, e que ten o seu berce no Cristianismo, aínda que neles haxa xente honrada teñen que rexenerarse para non ser amorais.

Deixe de erguer o puño, que iso xa o inventaron outros, deixe de berrar, e deixe que os que non pensan como vostede poñan sobor do tapete político as súas ideoloxías e propostas pra que nos respetemos uns aos outros. Pois como dixera Voltaire: “Señoría eu non comparto as súas ideas, mais estaría disposto a ofrecer a miña vida pra que vostede poda defender as súas”. Esí que de populismos e de poñer ás Españas patas arriba nada, como se non tiveramos máis de cincocentos anos de historia ás nosas costas. E dígalle aos seus colegas que xa gobernan, como en Madrid, que non ofendan os sentimentos dos demais.

P.D.: Ah!, e condene sen revoltas o terrorismo, tanto de ETA, do Estado en Vitoria e Montejurra e o dos GAL do PSOE.

Te puede interesar