Opinión

A UNIÓN SOVIÉTICA

Xa chegamos ao final desta serie dos países comunistas que coñecín da man de 'Castro Floxo'. No 1990, a véspera de Semana Santa, chegamos á Unión Soviética logo de facer noite en Budapest. Na aduana, como pasara en Hungría, dúas horas de recoñecemento de pasaportes e cacheos polos mozos do KGB, con un antipático xefe que nos ollaba como se fóramos delincuentes.


Na cidade de Uzhogorod, ao pé dos Cárpatos, na Ucrania, que fora o graneiro de Rusia, e que no tempo que elí estivemos había falta de pan. E no mellor hotel da cidade déronos un xantar onde ao final o xerarca soviético botou un discurso pra desexarnos unha feliz estancia. Julio F. Senra, díxome: 'Mira, Manolo, como estos discursos se van a repetir, eu dirixo o grupo e tí botas os discursos'. Meu dito, meu feito. Levanteime e escomencei por felicitalos pola chegada da perestroika e glasnot que trouxera o Gorvachov (do que estaba prohibido falar, pois chamábanlle traidor), e dinme conta de que a intérprete embazaba e púñaxe roxa -de color da faciana-, e entón comprendín que falar de liberdade e de Gorbachov era 'pecado'. E rematei, como fixen perante os oito días que elí estivemos, que nós 'traemos unha mensaxe de paz' e que 'a cultura non ten fronteiras'.


Xa de camiño á residencia na cidade de Perechín, a intérprete comunista díxolle en inglés ao Julio: 'Manuel tiene miedo'. Eu resposteille: 'Medo a quén?' E, ao día seguinte, que era Domingo de Ramos, que por primeira vez coa chegada de Gorbachov abriron as igrexas. Eu marcheime do teatro onde ensaiaban os nosos mozos e mozas e como ollara unha igrexa acerqueime a ela. O templo estaba cheo de mulleres, homes e xóvenes, e oficiaba un crego moi novo. Púxenme de xionllos e chorei ao lembrar o que din no Evanxeo daquel día: 'A poderosa e irresistible aspiración dos pobos a unha liberación constitúe un dos primeiros signos dos tempos'. E boteille dez dólares ao sacristán na bandexa, que case se desmaia.


Ao sair do templo atopeime cunha estatua enorme de Lenin -que ollaríamos en toda Ucrania- e detívenme fronte a ela e díxenlle en voz baixa: 'Qué, a relixión non era o opio do pobo? Pois ai tés. Logo de 60 anos de persecucións, de cárceres, de gulags, de sesenta millóns de asasinatos'.


A semán na Unión Soviética foi un éxito de 'Castro Floxo', pro tamén un espionaxe a todos, e principalmente a min con unha das intérpretes, a Larisa, que tiña a orde de nos escoitar e vixilar. Mais como me confesou o último día: 'Non entendín nada, porque vostedes non falan o castelán'. Claro, falabamos entre nós no noso idioma galego.


E resumo o que ollei en Arxelia, Hungría e a URSS: o comunismo é fame, miseria, cárcere e morte. E á volta por Budapest, onde botamos un día, antes de coller o avión que nos traería ás Españas, na capital de Hungría xa se respiraba liberdade e ledicia. E a estatua de Lenin habíana retirado 'pra arranxala' -dixo a intérprete-. E ao chegar á miña casiña, díxenlle aos meus fillos: 'Si Arxelia, Hungría e a URSS son 'paraísos', prefiro ir ao inferno'.

Te puede interesar