Opinión

Voltemos a San Rosendo

Un ano máis -¡e van…!-, o día primeiro de marzal chegarémonos á Celanova milenaria de grandes poetas: Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín, pra honrar ao Santo e Caudillo de Galicia, o Santo Rosendo. E saludaremos a tantos vellos amigos como Gregorio Álvarez Medela, en cuia casa tantas e tantas veces xantamos. Escomenzamos sendo media ducia –hoxe falta Quino, o que fora xuíz desa fermosa vila-, e hoxe xuntaranse perto de vinte baixo a sempre amabel atención Dolores Álvarez Medela.
Voltaremos para saúdar ao abade César Iglesias Grande e lembrar a quen fora un devoto incriblemente cegado do Santo Rosendo, o amigo Ángel Martínez Vázquez “Anxo”, nomeado con toda xustiza Fillo Adoptivo da Celanova que íl adoraba.

Lembraremos aquiles párrafos do testamento do Santo: “Todo el que me honre ante los hombres, también lo he de honrar ante mi Padre celestial”, y “cualquiera que deje todas las cosas de este mundo por mí y el evangelio, recibirá cien veces más y heredará la vida eterna”.
E haberá que se abrigar do vento do Vieiro: “Celanova ten un vento,/ Celanova un vento ten,/ un vento peleriñante,/ un vento que vai e ven”. E na Eucaristía do grandioso mosteiro escoitaremos á Coral Solpor que con tanto acerto dirixe Arsenio Alonso Araújo: “Meu corazón Celavella/ tes as paredes hedrosas/ brilando a contar estrelas/ relampos de Celanova”, con letra de Abelardo Santorum musicada por Manolo de Dios.
Hai que voltar á Celanova milenaria, á que por estradas e camiños chegarán as xentes crentes que inda quedan na nosa Galicia. E os que somos cofrades, coa medalla colgada do pescozo pregarémoslle ao Santo e Caudillo de Galicia, e entoaremos unha vez máis: “A lúa inxerta no ar/ caraveles de arrecendo,/ rube que rube inxertando/ teu báculo San Rosendo”.

Te puede interesar