Opinión

Sobre a integración das escolas adscritas de Enfermaría na UVigo

Detalle da preparación dunha vacina.
photo_camera Detalle da preparación dunha vacina.
“Estamos seguros de que a organización que propoñemos permitirá o desenvolvemento dos tres campus neste eido”

Quero aproveitar esta tribuna para explicarlle á cidadanía ourensá cal é a situación da integración das escolas adscritas de enfermaría no sur de Galicia. Calquera que teña un intre pode mergullarse na hemeroteca e comprobará que varios equipos reitorais viron preto o proceso de integración…, pero este nunca se produciu. Empezo a comprender as razóns dos fracasos previos.

Comecemos por explicar que é unha escola adscrita, as razóns que nos impulsan como equipo de goberno da universidade a promover a integración e a miña visión do futuro da Facultade de Enfermaría, para finalmente explicar o que acontece nestes momentos co inicio de traballos para poñer en marcha un mestrado universitario en enfermaría.

Que é un centro adscrito como as escolas de enfermaría de Ourense, Pontevedra e Vigo? Pois é un centro que non é propio da universidade, senón que se adscribe para emitir un título universitario. O persoal docente, o persoal de administración e servizos e o alumnado non gozan dos mesmos dereitos e deberes ca as persoas que si forman parte da institución. Por explicalo de xeito moi gráfico, non votan nas eleccións a reitor ou reitora nin poden formar parte dos órganos de goberno da institución. A universidade concede a venia docendi, emite os títulos e nomea un delegado/a do reitor que actúa como intermediario para o mellor funcionamento entre as institucións.

Cando chegamos á reitoría, tiñamos xa claro que non é a mellor situación nin para o persoal que imparte as clases nin para o alumnado, e lanzamos unha proposta que segue exactamente igual ca o primeiro día: a creación dunha Facultade de Enfermaría única, na cal se fosen integrando de xeito paulatino as escolas adscritas. A nosa idea, e así figurará nos convenios de desadscrición, é que ano a ano se vaia incorporando un curso máis, incluído un movemento de persoal docente e non docente, e chegar, ao cabo de catro anos, a ter unha facultade única con docencia nos tres campus.

Xa no inicio do proceso, eu propuña e manifestaba publicamente que a nosa aspiración era que tivésemos mestrado e doutoramento. Porque pensamos que, ao igual ca o resto dos títulos da nosa institución, debería haber unha forte compoñente investigadora. Ademais, debiamos ser quen de formar os nosos propios doutores/as, canteira do profesorado futuro.

Pretendemos, daquela, integrar na nova facultade os catro títulos que agora se imparten nas escolas adscritas. Dous deles impártense nos hospitais do Sergas en Vigo e en Ourense. Non teño dúbidas de que esta integración pode e debe facerse xa. As negociacións coa consellaría foron en todo momento excelentes e, ao igual ca noutros títulos, contamos con eles para seguir ofrecendo a máxima calidade posible. O título de Pontevedra depende da Deputación de Pontevedra, situación ben estraña a estas alturas. Tamén ten que integrarse desde o inicio. Pero, ademais, ábrese a oportunidade de que o título que se imparte no hospital privado Povisa se poida integrar. Por este equipo reitoral, e tras as conversas coa propiedade, penso que é posible facelo. Agora que todas as institucións vogan na mesma dirección, non fagamos fracasar o proxecto.

Se o conseguimos, pasariamos da estraña e non demasiado positiva situación de que un título emitido pola nosa universidade deixe de impartirse en catro escolas adscritas a unha propia, onde todos os alumnos/as sexan membros de pleno dereito da Universidade de Vigo. E a nosa visión é a dun centro que investiga, que forma en todos os niveis (grao, mestrado e doutoramento) e que pode ser unha xoia da coroa nos tres campus.

E que pasou co mestrado, que tantas críticas está producindo nestes días en distintos medios? Pois que eu lles pedín ao decano comisario (ao que lle agradezo que aceptase o posto e os seus traballos sen fin) e ao vicerreitor que tentaramos adiantar todo o posible a posta en marcha deste novo título, ao que aínda lle quedan moitos pasos por dar. O primeiro paso chámase «declaración de interese» e consiste nun procedemento regulado e do que é consciente toda a comunidade universitaria, que se fai con luz de taquígrafos. Animo o lector/a  máis interesado a que busque na nosa páxina web a documentación, que está publicada. Esta declaración de interese foi aprobada por asentimento tanto pola comisión delegada do Consello de Goberno coma polo propio órgano máximo de goberno da universidade. Calquera pode acceder ao documento e lerá, entre outras cousas, o seguinte:

Centro de impartición na UVigo: Facultade de Fisioterapia «adscrición provisional mentres non se crea a Facultade de Enfermaría». Tamén se indica a composición da comisión redactora da memoria, que inclúe cinco persoas: o decano comisario, un médico e tres enfermeiras, unha de cada escola adscrita. Será esta comisión redactora a que propoña os obxectivos, a estrutura, os contidos e o desenvolvemento da titulación. Asemade figura no documento que: «Esta declaración de interese involucra a futura Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo».

Quero facer constar o meu agradecemento a todas as persoas que están axudando a levar a cabo o complexo procedemento de creación dunha nova facultade e de integración nesta de catro escolas adscritas, con realidades moi diferentes. Especialmente á Facultade de Fisioterapia, que acubilla o procedemento de creación dun novo título de mestrado que formará parte desa nova facultade. Así mesmo, o meu agradecemento ao decano comisario, ás persoas de boa fe que están traballando nas catro escolas pola integración e ao meu equipo. Grazas tamén ás consellarías implicadas e á Secretaría Xeral de Universidades, sen cuxa axuda sería imposible avanzar neste eido.

Para rematar, aínda que resulte reiterativo, propoñemos unha facultade única na que estamos dispostos a permitir que teña un decano/a (que sería rotativo entre os tres campus) e un vicedecano/a en cada campus, ademais dun secretario/a. Estamos seguros de que esta organización permitirá o desenvolvemento dos tres campus neste eido.

A culpa, se algunha atopades nos procedementos, nos obxectivos ou en calquera cousa, é do reitor. Por favor, non lle disparen ao pianista.

Te puede interesar