Opinión

Anos 50

Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico, garda unha boa colección de fotos de paisaxes e edificios da nosa cidade, realizada polo seu pai, Luciano Fariña. As que eu vin son dos anos 50, concretamente de 1956, creo: estaba aínda en construción o Colexio Marista na rúa Bedoya, por exemplo.


Da mesma época debe ser esta que escollín hoxe, o edificio, ó carón do Goberno Civil, onde ten a súa sede o Instituto Nacional de Previsión. Supoño que foi unha das grandes obras da época, cando o Paseo aínda non estaba cheo de altas torres.


O edificio, no que eu observo, non cambiou moito dende aquela: a foto foi tomada nun día tranquilo, sen automóbiles, quizais un domingo. A imaxe respira un ton de gran pracidez no pasear das xentes ou no paisano que se achega en bici, que ben podería ser Antonio Ricci, o protagonista de ‘Ladrón de bicicletas’ (1948).


Para os que non vivimos esa época, o cine, sobre todo o neorrealismo español e italiano, é como un álbum de fotos de familia ou un caixón de soños perdidos. Pero, mentres soñamos, vivimos como plenamente reais esa nostalxia dos tempos non vividos.



Te puede interesar