Opinión

A Antoloxía de 1936

Co título ‘Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada’ vén de editarse, 72 anos despois, un proxecto encabezado por Filgueira Valverde, que recibiu a encomenda do Seminario de Estudos Galegos de facer unha ampla Escolma da Lírica Galega en seis volumes. Agora, Ana Acuña e Xesús Alonso Montero ofrécennos a edición do material recollido á altura de 1936, inédito en boa parte dende aquela. A guerra incivil impediu que ese fermoso soño se fixese realidade. A Antoloxía é un documento literario único no que un total de 32 poetas (foron máis os convocados) non só nos ofrecen unha escolma da súa obra, senón tamén datos valiosos da súa formación, poéticas e opinións sobre a lingua, algúns de forma minuciosa como Otero Pedrayo. Noraboa, pois, ó Museo de Pontevedra, promotor do libro, e ós que recuperaron este agasallo da palabra.

Te puede interesar