Opinión

Arredor de Curros

Encontro Escritores. Mediados os anos 90 do pasado século celebrouse nesta cidade, no Teatro Principal e organizado polo Clube Alexandre Bóveda, o primeiro Encontro de Escritores Ourensáns; anos despois, pasou a celebrarse no Liceo, da man da súa Sección de Literatura. O venres pasado, no Liceo, tiña lugar o VI Encontro, que xirou arredor do poeta Curros Enríquez, no ano do centenario da súa morte. Varias das comunicacións dos escritores xiraron arredor da vida e personalidade do celanovense, Antonio Piñeiro esculcou na familia da nai de Curros, descubrindo na súa xenealoxía remota ata un parente que traballou na Corte de Fernando VII e houbo algunha alusión a unha lenda familiar que aínda cinguiría máis o poeta coa monarquía; republicano convencido, non sei se Curros non se revolvería na súa tumba de coñecer esta lenda. Afonso Monxardín contrastou en paralelo dúas épocas diversas da vida do escritor e as súas vivencias en Ourense e na Coruña; perseguido pola xerarquía eclesiástica na primeira, coroado e gabado sempre na cidade herculina, onde contou co apoio entusiasta da opinión liberal, republicana e anarquista.


O compromiso. Poeta rebelde, civil e comprometido, na personalidade de Curros hai facetas de relevo descubertas nestes anos, sobre todo dende o Congreso Internacional de Celanova de 2001 coordenado por Alon so Montero (as actas están accesibles en Internet). O venres falouse tamén da relación de Curros coas igrexas evanxélicas, tal como apuntara Patrocinio Ríos no 2001, e Francisco X. Fernández Naval relacionou isto co pulo evanxelista na comarca Celanova-Bande e co compromiso coa solidariedade destes colectivos, perseguidos polo catolicismo. Outra clave coñecida foi a súa militancia masónica e diso falou o presidente do PEN Club Galego, Luís González Tosar, que relacionou a Curros co destacado masón Romero Ortiz e explicou a súa etapa cubana en fun ción do pulo da masonería na illa nos comezos do século XX. Admirador sempre das causas máis progresistas, Curros sería bolxevique de vivir uns anos despois, segundo Tosar, quen tamén afirmou que entre as múltiples homenaxes celebradas neste ano dedicadas a Curros, houbo unha, no cemiterio coruñés, apadriñada polas loxias galegas.


A lingua. Serafín Alonso e Bieto Iglesias falaron da lingua do escritor: unha lingua culta, literaria, aínda que compartise o poeta crenzas erradas da época como unha imposible orixe celta do noso idioma (daquela mandaban os historiadores sobre os filólogos). Bieito Iglesias chamou a recuperar a cerna do galego ourensán, que conserva expresións propias como ‘Pan e coitelo’ ou ‘Pensar na morte da becerra’; vocábulos deste galego currosiano poden encontrarse na obra de autores portugueses como Saramago ou Lobo Antunes: sempre brillante, Bieito ten que afondar nestas teses e poñelas por escrito. Finalmente, Manuel Guede Oliva achegouse a ‘O meu Curros Enríquez’, abondando na pegada do poeta na súa formación teatral, desde os tempos de Histrión 70 e a Auriense. Deixou sobre a mesa o reto, imaxinado por el mesmo cando dirixía o Centro Dramático Galego, de facer unha versión teatral de ‘O divino sainete’.





Te puede interesar