Opinión

Da miña nacencia como lector

Lin dende pequeno, con entusiasmo de converso a unha nova relixión, e as miñas lembranzas do neno que fun lendo son pracenteiras e fermosas. Como a todos os nenos léronme contos e contáronme historias: difícil relembrar cales eran, pero recordo unha preferencia , dende noviño, polos contos de terror. Pouco despois descubrín unha fermosa colección de contos, que viñan ordenados por nacionalidades (‘Cuentos Rusos’, etcétera), creo que de Anaya. Moi neniño aínda, na casa do meu tío Exmelin devoraba os tebeos de todo tipo, os daquela época, e sobre todo ‘Hazañas Bélicas’ e ‘Zarpa de Acero’.


E na casa dos meus avós de Ourense, a miña avoa gardaba dos anos de mocidade da miña tía Olguita a colección da revista ‘Chicas’, en varios tomos. Linos e relinos vinte veces cada un e quizais aí naceu a miña paixón polo cine: copiaba e debuxaba todos os días as caricaturas que viñas coas críticas das estreas: Gary Cooper, Spencer Tracy, Katharine Hepburn, James Dean, Liz Taylor, etcétera.


Estou falando aínda dun neno moi pequeno, antes do ingreso. O meu pai, que tiña un taller de xoiería na Avenida da Habana, usaba para o seu traballo un ‘Diccionario Gráfico de Artes y Oficios Artisticos’, Lapou lidt, publicado en Barcelona: debullei aqueles catro tomos con paixón gargantuesca, canto aprendín alí da arte, da historia, da mitoloxía, ata da haxiografía. E debuxaba os deseños e clasificaba e ordenaba (unha teima miña de vello). O meu pai usábaos para sacar deles modelos de letras e figuras para gravar nas medallas ou nos arranxos artísticos de pulseiras e xoias varias.


Na miña casa, os libros que entraban eran para facilitar a nosa educación, a miña e a dos meus irmáns. Os meus pais subscribíronse ó ‘Monitor’ de Salvat, a unha Enciclopedia de Ciencias Naturais e, anos despois (1973), á ‘Gran Enciclopedia Gallega’, que usaba eu case en monopolio e non me avergoña dicir que cheguei a subliñar moitas veces: obra discutible, pero na que moitos aprendemos moito. Os meus pais facilitaron a nosa formación cultural mercándonos os libros que pedíamos. Moi neno aínda mercáronme unha magnífica Enciclopedia de Fauna en varios tomos, que aínda conservo, e outra extensa, en oito tomos, de Mitoloxías do mundo, ademais de ‘Mitología Clásica Ilustrada’, de Otto Seemann (Barcelona, Vergara): esta aínda está a man, aínda que só sexa pola calidade das reproducións artísticas e o moito que aprendín nela. A primeira edición española é de 1958, cando nacín: mercáronme a quinta edición, 1968, ós meus 10 anos. Rapaz ensoñador e fantasioso, vivía eu máis no mundo de Zeus, Venus e Hércules que na propia realidade. Cando ía á aldea de Ervedelo, ás matanzas ou ás vendimas, o neno ía cos pais e toda a familia a traballar: pouco traballaría, digo eu, pero non calaba un segundo. ‘Ai, carallo, este vergallán, cantas cousas el sabe...!’, dicía o avó Benxamín, que en paz descanse. E as mulleres rían da miña verborrea infinita e de todos aqueles personaxes tan raros e literarios.




Te puede interesar