Opinión

As outras voces

Seguindo o modelo catalán, Voces Ceibes lanzou a Nova Canción Galega da man de artistas como Benedicto, Miro Casabella, Xavier, Bibiano, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso ou Vicente Araguas. Pero houbo outras voces ás que Xan Fraga dedica un pequeno espazo no seu libro sobre Miro Casabella: naquela altura, estas voces eran criticadas en certos círculos por facer unha canción máis comercial, menos comprometida. A revista madrigalega ‘Chan’ dedicoulles moitas reportaxes. O máis popular foi Andrés do Barro con ‘O tren’ e ‘Corpiño xeitoso’, recuperado dende os blogs e a TVG. Na mesma xeira estaban Xoán Rubia, Jei Noguerol, Xil Ríos, Bernardo Xosé ou Juan Pardo, do que lembro de neno escoitar a súa ‘Andoriña’, almorzando no mercado vigués de A Pedra. Pola súa calidade eran máis respectados Amancio Prada e Luís Emilio Batallán que cantaban os versos de Rosalía e Curros.

Te puede interesar