Opinión

PAN POR PAN

Home lobo. Como vostedes saben, hai unha moi ampla bibliografía sobre o Lobishome: en Galicia, escritores e estudosos como Vicente Risco, Carlos Martínez Barbeito, Alfredo Conde ou Xosé Miranda achegáronse a este mundo. Hai moitos aspectos atractivos neste mito: para empezar, a metamorfose de home (ou muller) en animal e a dualidade Ben/Mal, tan eficaz en calquera historia. A posible intervención do Maligno, como achegan algunhas lendas, sempre é sedutora nun plano narrativo. Din que afectaba sobre todo ó sétimo descendente dunha familia e era un mal provisorio, ás veces tamén intermitente. E segundo conta Víctor Vaqueiro (‘Guía da Galiza Máxica’), os primeiros síntomas desta doenza presentábanse en forma dunha fonda melancolía: velaí a raíz intensamente humana deste mito, a tristura como ponte dende a condición humana cara a besta cruel e asasina.

Te puede interesar