Opinión

PAN POR PAN

Tempos mouros. Tempos estes ben mouros para a nosa cultura: en poucos meses, a perda do sociólogo Xoán Bouzada, do pedagogo Suso Jares, e agora do poeta Ramiro Fonte. Dende aquí quero expresar o meu agradecemento ó escritor de Pontedeume pola intensidade e calidade da súa amplísima obra, tanto nos seus poemarios como nas novelas. Sobre todo, pola excepcional triloxía memorialística que constitúen Os meus ollos, publicado por Xerais no 2003 e que mereceu o Premio Losada Diéguez de creación literaria; e as novelas que a continúan en ‘Os ollos da ponte’ e ‘A ponte nos ollos’. Débolle moitas horas de gozo a estes tres libros, que crearon unha voz narrativa moi singular nas letras galegas: unha sorte de épica do cotián, de dignificación das xentes populares que conforman a propia memoria, que nos fai lembrar outras páxinas fermosas de Castelao ou Luís Seoane.



Te puede interesar