Opinión

PAN POR PAN

Trapecio. Reviso, despois de non sei cantos anos, ‘Trapecio’, de Carol Reed (1956). Sen dúbida, unha das grandes películas sobre o mundo do circo (que non son moitas). Burt Lancaster, monumental no seu papel de Mike Ribble, o trapecista eivado. Tony Curtis, correcto, pero non pode entusiasmar ó carón daquel mestre de actores. A historia é moi sinxela: un triángulo amoroso e unha loita pola perfección artística: o triplo salto mortal. A parte negativa, a ambición e o engano, ten aquí cara feminina, só redimida ó remate polo papel redentor do amor. Podería mesmo falarse dun certo ton misóxino, pero a película é tamén unha excelente ocasión para encontrarse con outro tipo de estrelas cinematográficas como Gina Lollobrigida ou Katy Jurado. A vitoria artística do fillo do Gran Orsini (T. Curtis) fai realidade o soño incumprido do seu mestre: un tema moi humano, tan auténtico como a vida.

Te puede interesar