Opinión

PAN POR PAN

Postais. Sorprende a vixencia do costume de enviar postais no Nadal. Adaptándose ós novos tempos, a tradición mantense e aínda está no seu apoxeo, sobre todo cos novos medios virtuais. Pero hai que dicir que as cousas cambiaron. Por exemplo, son poucas as postais cos motivos relixiosos antes clásicos. E ás veces úsanse polo seu valor artístico, por exemplo nas fermosas tallas do Belén de Arturo Baltar que utiliza o Concello. Ademais, abundan os temas solidarios e reivindicativos: un amigo mesmo invoca a Terceira República, coa tricolor de fondo. O reino de Internet revolucionou os formatos: agora chegan fotografías de autor (moi xeitosas as do poeta Vázquez Pintor), arquivos musicais, vídeos, etc. E non faltan as citas. O Consello da Cultura Galega utilizou esta de Ramón Piñeiro: ‘A Humanidade realízase a través dos pobos, a través das culturas, a través das linguas. Ou sexa, a través da pluralidade’.



Te puede interesar