Opinión

Pan por pan

Contos. Estivo nos Encontros Literarios do Liceo Bieito Iglesias. Coa súa brillantez de sempre, falou do conto popular e do conto literario e fíxonos rir a esgalla varias veces. Detívose nos seus contos preferidos como esa marabilla que é ‘A señorita Cora’ de Cortazar. Neste relato un adolescente está ingresado nun hospital para ser operado de apendicite; Cora, a enfermeira, ten que afeitarlle o pube para a operación e o rapaz, avergoñado, imaxina que lle crava vinte veces un puñal á enfermeira. O Bieito tamén contou un motivo oculto polo que gusta tanto deste conto. De neno, eivado, o futuro escritor era levado ó lombo ata o colexio pola súa avoa. Non había baños daquela, íase ó monte. Cando o neno tiña necesidades, a mestra encargaba as dúas rapazas máis fortes da clase que o levasen fóra colléndoo en brazos. Na infancia do noso amigo había, pois, dúas señoritas Cora.

Te puede interesar