Opinión

PAN POR PAN

Chégame o último libro de Modesto Hermida, galego da aldea de Vales, das terras de Cea. Titúlase ‘Nas ondas de Galicia. Noticias, opinións, estampas e personaxes’ (Ir Indo) e recolle 200 alocucións lidas polo seu autor no Diario Cultural da Radio Galega entre 1990 e 1996. Estas crónicas culturais poden lerse a xeito de dietario de novidades culturais: a nova da aparición dun libro, dun suplemento cultural en galego, dun festival musical, etc. A lingua e a literatura son os temas dominantes e albíscase ben a querenza do escritor polos autores do século XIX, perspectiva que tan ben coñece, e tamén a súa admiración por personalidades como Cunqueiro, Carlos Casares ou Basilio Losada. Escribe co corazón aberto Modesto Hermida, sempre co compromiso fiel coa galeguidade de noso e buscando aquelas lecturas en positivo da evolución da nosa cultura. Xornaleiro da nosa cultura, chamouse a si mesmo nalgures: oxalá houbese moitos coma el.



Te puede interesar