Opinión

Pan por pan

Cinco anos despois, as vítimas do 11-M non están esquecidas. Por desgraza, hai case duascentas familias que choran os seus mortos e un numeroso grupo de feridos que reviven o seu relato tráxico nas televisións. Persoas que se fan preguntas lóxicas pero que non teñen resposta: Por que me pasou a min? Por que sucedeu isto? As medidas policiais e de investigación intensificáronse e hoxe hai case trescentos presos en cárceres españois detidos que formaban parte de células integristas islámicas. Este último dato non é nada alentador: significa que en calquera momento podería repetirse en España unha traxedia semellante e que seguimos sendo diana preferente de Al Qaida. Somos, na nosa condición humana, fillos da fraxilidade e do desamparo, incapaces de dominar o monstro do azar, ese deus que outros chaman destino.. As vítimas do 11-M envorcaron de súpeto nese mar de dores e sufrimento que nos rodea : non hai palabras abondo de alivio para iso.


Te puede interesar