Opinión

Praza Magdalena

O espírito da paz. Hai uns anos derrubouse aquí unha vella casa, caída ó chan como caen os soños cando esperta o día cheo de incertezas. Seica este lugar foi de antigo a claustra da igrexa de Santa María Madre; logo foi cemiterio medieval e aínda mercado dende mediados do século XIX. É a praza da Magdalena, para Xesús Ferro Couselo, que traballou ó seu carón, o curruncho máis romántico da cidade: é doado coincidir co egrexio arquiveiro. Tamén Vicente Risco se emocionou coa paz e a beleza do seu fermoso cruceiro, que procede da Alameda do Cruceiro. Segundo conta Afonso V. Monxardín no século XVII querían poñerlle portas en Santa María Madre porque, di unha carta ó Correxedor de 1624, ‘ las noches se cometen allí feos y graves pecados usando mal del lugar tan pío’ Hoxe é un dos centros simbólicos da nosa cidade histórica, aínda que moitos ourensáns o ignoren. Nin sequera os poetas lle prestaron os seus versos: é ben sorprendente. Pero tamén reclamo que nunca perda o espírito da paz que impregna a súa fisionomía, a lenta vaguidade das súas sombras e o fecundo silencio das súas pedras enchoupadas de eternidade.



Te puede interesar