Opinión

Socioloxía do autobús

A prendendo. Dende hai varias semanas só me desprazo en autobús por esta cidade. É un sistema máis lento e que che obriga a esperar de cando en vez, pero tamén se aprende algo. Como en todo o que facemos de novo na vida. Da miña experiencia nestes días voume atrever a facer para vostedes, agardando que lles interese, un bocexo de Socioloxía do Autobús. Porque este medio de transporte público ten ó seu arredor todo un microcosmos propio digno de atención.


Para empezar, é obvio que a maioría dos usuarios do autobús son persoas humildes ou da clase media baixa. Nun mundo onde o automóbil é símbolo máximo de status, os máis posuidores, digámolo así, raramente soben a un autobús nos seus desprazamentos cotiáns. Entre o público máis habitual deste medio eu distinguiría tres sectores ben definidos. Chamarei grupo A ós máis maiores, xubilados sobre todo, que collen o bus para acudir a citas médicas, ir coidar os netos ou, sinxelamente, dar un paseo cos amigos á solaina da Alameda. O grupo A é maioritariamente galegofalante e entre os seus viaxantes non é raro aínda escoitar a expresión ‘imos coller o carrito’, que garda a cerna dos sabores emotivos doutros tempos.


Traballo. O grupo B, o máis masivo, é o dos traballadores en activo. E debería dicir traballadoras, pois a maioría son mulleres. Caras cansas, horarios apertados, quizais problemas familiares na casa, moito labor por facer ó chegar ó fogar: ó mellor preparar a cea para o marido que xa chegou, conducindo o seu automóbil, e agarda cunha cervexa diante do televisor. Neste grupo hai unha porcentaxe significativa de inmigrantes, residentes nos barrios e que van ó centro da urbe a traballar. O galego segue sendo aquí maioritario, agás nesta nova poboación inmigrante. E, finalmente, o grupo C: mozos e mozas que saen dos colexios coas súas carpetas e soben ó autobús berrando e rindo entre eles ou ben en silencio absoluto, enganchados ós seus aparellos de música. No grupo C o castelán gaña terreo, pero tamén escoitamos mozas galegofalantes, con naturalidade e sen complexos.


Conversas. De que fala a xente cando vai en autobús? Pois depende. O grupo C fala das súas cousas: incidentes no colexio, películas de adolescentes, a cita dun xoves noite de botellón, etc. Os grupos A e B falan sobre todo de saúde. ‘Imos tirando’, ‘éche o que hai’, ‘eu non me queixo’, son expresións que se repiten todos os días. O grupo B tamén fala de traballo e dos problemas domésticos máis próximos: se o patrón me volve ou non a contratar, se podo cobrar o paro cando me despida, etc. E o grupo C raramente conversa cos outros dous, digamos que emite noutra frecuencia. Ás veces tamén se escoita algunha imprecación do grupo B contra os mozos do C polo seu comportamento pouco axeitado nalgún momento. Podo engadir que, durante varias semanas, a ninguén escoitei falar no autobús do Poder Xudicial, nin da consulta que propón Ibarretxe en Euskadi nin sequera do retraso das obras do AVE, temas que enchen páxinas e páxinas dos xornais día si e día tamén (Fotografía da coruñesa Victoria Diehl).



Te puede interesar