Opinión

Gonzalo Caballero e o PSdeG que avanza

En tempos de olimpiadas, visibilízanse aos que logran a ansiada medalla, sen embargo chama a atención a mentalidade das e dos mellores deportistas de todo o planeta cando non logran a medalla a pesares de acadar boas marcas. A gran maioría responde: “Xa teño a mente nas próximas Olimpiadas”. E así moitos que non chegaron hai catro anos, teñen medallas hoxe en Tokyo. Unha gran lección que se pode extrapolar a outros ámbitos da vida tanto persoal como laboral ou política.

A política debe ser entendida da mesma forma, como grandes proxectos que se consolidan co paso do tempo e xerminan florecendo propostas concretas que melloran a vida das persoas. Para elo compre ter rumbo, compromiso e valores. Pero tamén tempo, para afianzarse e ser cribles. Que llo digan a Pontón que leva 17 anos no parlamento galego ou a Feijóo que leva 16. Tentar tumbar continuamente aos referentes é o erro favorito do PSdeG para o PP.

O PSdeG hoxe está moito mellor que hai catro anos: melloramos en todas as convocatorias electorais, especialmente na nosa provincia de Ourense. Aquí temos mais concelleiros, alcaldías, deputados, parlamentarios galegos que hai catro anos e avanzamos resultados na cidade e na deputación. Toca seguir avanzando con humildade para consolidar o bo e mellorar o mellorable.

Non podemos caer unha vez máis na zancadilla do PP para impedir a consolidación do noso proxecto. O PP ao longo dos anos consolidou dous grandes lideratos en Galicia, Fraga e Feijóo. Sin embargo para o seu rival político máis forte, o PSdeG, a dereita prefire o contrario: xerar inestabilidade e cambios sen rumbo. Así impídese que unha vez que o PSdeG comeza a xerminar un proxecto, este poida florecer.

Para máis inri, os poderes conservadores potencian ao BNG para que o electorado moderado concéntrese na dereita. E é por iso que dentro do socialismo galego non podemos caer nas estratexias que benefician á dereita.

Por iso, un PSdeG potente para Galicia ten que afianzar liderato. Porque fronte a dereita conservadora e o nacionalismo independentista, seguir fortalecendo o socialismo galego é a mellor vía para modernizar Galicia e dar futuro a galegos e galegas.

Cando hai catro anos as bases socialistas deron o respaldo a un líder novo como Gonzalo Caballero, abriron posibilidades de futuro que levaron ao PSdeG a avanzar. Crecemos en todas as eleccións. E somos moitos os que pensamos que Gonzalo Caballero estaba en condicións de presidir Galicia tras as eleccións de abril de 2020, e así o reflexaban moitas enquisas. Pero saltou a pandemia e todo mudou. Coa covid e o aprazamento electoral a abstención disparouse ata o nunca visto e a dereita aproveitou a confrontación desleal fronte ao goberno de España. Aínda así, incrementouse a porcentaxe de voto socialista respecto ás anteriores, e en provincias como Ourense incrementamos tamén o número de deputados socialistas.

Sabemos que o líder socialista é unha persoa resistente, con traxectoria impecable e honestidade, de firmes valores, que incomoda a certos poderes porque non se deixa manexar, non é marioneta nin depende de ninguén. Levou aos e ás socialistas de Galicia a medrar, a superar inestabilidades e conseguir crecemento, e está en condicións de poder abordar con solvencia os retos das xerais e municipais de 2023. Este PSdeG é máis necesario que nunca para o futuro de Galicia e compre unir dentro e fora do partido a todos os e as progresistas para afrontar con éxito os retos da reactivación.

Se o PSdeG liderado por Gonzalo Caballero mellorou e avanzou parecen desprenderse posibilidades para que poidamos seguir avanzando. Foi nesta etapa na que conseguimos gobernar, por primeira vez, tres das catro deputacións de Galicia e cinco das sete grandes cidades. Iso sí, como a Gonzalo non lle atopan manchas, nin expedientes ou trapos sucios na mochila, a única opción será intentar facer ruido para intentar debilitalo a el e ao partido. Pero o que non saben algúns é que responderá como o fixeron os nosos deportistas nas Olimpiadas cando non acadan medalla: con espíritu de constancia no traballo e permeabilidade ante os cambios, non deixará o seu compromiso para desenvolver un proxecto que impulse o benestar da cidadanía galega. Esa é a meta hoxe máis que nunca.

Te puede interesar