Opinión

Triste récord para Ourense

A nosa provincia necesita unha nova fase de impulso e desenvolvemento. O certo é que somos unha das provincias peor paradas en canto a datos demográficos, a nivel de salarios e pensións, a máis atacada polos lumes forestais por falla de prevención, e a que maior niveis de pobreza ten. Pero sobre todo, a que ofrece á xente moza menos posibilidades de futuro.

Somos unha provincia eminentemente rural, pero a cidade de Ourense é a terceira mais grande de Galicia e vilas como Carballiño, Verín, O Barco, Ribadavia, Xinzo ou Celanova reflexan unha xeografía humana de comarcas con moito potencial. Màis é necesario o apoio das distintas administracións, a colaboración da sociedade civil e a sinerxia dos axentes económicos e sociais. Precisamos rachar inercias de modelos anticuados e apostar por modelos emprendedores, de vangarda, que incorporen a defensa de sectores tradicionais xunto a outros de vangarda, adaptando o talento ao territorio. Pero para que exista estratexia, precisamos insitucións de referencia que orienten o camiño. Desgraciadamente o modelo de deputación do PP para esta provincia non foi quen de impulsar á provincia en catro décadas de existencia, pero o caos e o desgoberno na cidade rompe calquer estratexia de superación. A alcaldía de Jácome implica tales niveis de irresponsabilidade e desconfianza na cidadanía que limita calquer posibilidade de que a cidade e a provincia poida chegar a renacer nestas condicións, e así superar as tradicionais dificultades estruturais xunto coas derivadas da crise motivada pola pandemia.

Entre esas eivas, o retroceso demográfico en Ourense colócanos nun triste podium. A emigración tradicional extendeuse ata xeracións actuais de mozos e mozas, por exemplo, eses que hoxe rondan a treintena e corentena. Os ourensáns sí que tiveron fillos, pero moitos tivéronos fora, ao ter que marchar por falta de oportunidades, por iso a natalidade descendeu máis, pois formáronse familias de ourensáns noutras cidades ou países onde atoparon oportunidades laborais para poder desenvolver unha vida plena.

Explicar este tipo de realidades implica moitos factores, pero sen credibilidade nin confianza nas insitucións é difícil impulsar un entorno sólido para o investimento, a innovación e a xeración de emprego.

E pensar no alcalde a quen Feijóo consideraba “letal para Ourense” é visualizar unha etapa de fracaso para a cidade con efectos tamén letais para a reactivación da provincia. Porque se a cidade das Burgas non se impulsa, a provincia terá máis dificultades para a reactivación e a recuperación. Por iso, cando Feijóo coloca e mantén a Jàcome, está xogando coa reactivación da cidade e da provincia.

O caos municipal que vive a cidade gobernada polo “minigoberno” de tres concelleiros é especialmente dramática alí onde máis doe, nos servizos sociais. Só Cáritas nesta provincia, deu case tantas axudas aos ourensáns como RISGAs (renta de inclusión galega) concedeu a Xunta a todo o conxunto de galegos. Do mesmo xeito, tamén Cruz Vermella con datos similares, sinala un incremento de usuarios notable e alerta dun novo perfil de familias que nunca foron usuarias dos servizos sociais. En 2019 coñeciamos un dato preocupante, xa que, xa por aquel entón, nun 42% de fogares ourensáns só entraban ingresos de xubilacións ou prestacións. E ese esceario complicarase coa actual crise. E xa sabemos que o experimento do PP con Jácome non funciona.

A proba do algodón de que unha sociedade non marcha ben é cando a xuventude ten que facer as maletas en busca de oportunidades. Ourense está orfa de xuventude, e é inevitable lembrar aquel presaxio que protagonizaron Feijóo, presidente da Xunta e o conselleiro de Educación por aquel entón, Jesús Vázquez, premiando aos 60 mellores expedientes universitarios de toda Galicia cunha maleta como regalo, cual visionarios negativistas do tipo de políticas de desidia do goberno galego.

E con este panorama no medio dunha crise socio-sanitaria, aparece o informe do Consello de Contas sobre a Deputación de Ourense; falando de discrecionalidade e falla de concurrencia e publicidade en subvencións e contratación.

E todo isto ante unha cidadanía agotada pola crise. E é por iso que hai que mudar. Para impulsar Ourense. Para darlle futuro á provincia e para que a capital da provincia poda liderar.

Te puede interesar