Opinión

Alexandro

Chega ata nós Alexandro dende a súa particular dimensión, esa que o enche de sí mesmo e da súa namorada soedade a quen segue seducindo coa súa erótica mirada, inspiradora sempre de novas preguntas. Chega dende o máis lonxe e primitivo de nós mesmos, cerebros desproporcionados que indican o grande poder do ser humano e o mal uso que facemos para mellorar a especie. Levaranos na súa barca existencial entre océanos insondables de fermoso azul.

O seu azul, o conquistado tras as horas e a paixón. Seremos paxaros voando na inmensidade do cosmos, ou peixes que danzan ilusionantes, buscando as sereas que agocha o mar. Esa muller soñada…
Siderais figuras, abandonadas no espazo -coma nós- perderanse entre as penumbras do pasado e morrerán sobre o estante acuático flores e libros que resolveran algún día adiviñas, misterios e enigmas. O home e o saber. Saberá saber quen é? 


Descubriremos que sempre haberá unha escada coa que subir máis alá e un paraugas recordará quen somos: fillos da terra das augas doces que nos envolven coa melodía da choiva. Neste camiño iniciático ninguén se perderá porque a reflexión da luz dalle forza a esa silueta que se mira, xoguetona, proxectándose. O seu can leal mira a súa sombra mentres nós miramos a nosa… Quen dos dous é máis nobre consigo mesmo? Quen acompaña sen mancar? Quen sabe atravesar o silencio máis caladamente?


Alexandro abre nun abismo as portas da existencia e nós deixámonos levar por el –creador maxestuoso- e pola súa mirada poética ata ese punto onde se xunta todo para chegar, e do que parte todo para renacer.

Te puede interesar