Opinión

Castelao

Naciches en Rianxo un día na beira dese mar que che tinguiu a mirada de escumas, ceos e horizontes. E non quixeches curar os corpos coma os médicos senon avivando a alma e enchéndoa de dozuras e desa sensibilidade de artista tan propia do noso pobo que sabe enxaugar co mesmo sal as bagoas que son de rir e as de chorar. Como xenial debuxante denunciaches inxustizas e miserias, e cun lirismo desgarrador e profundamente humano defendiches a quen sufría polas “Cousas da vida” na nosa terra. Esta terra que creaba a palabra “morriña “ e “saudade”, sen tradución en ningún idioma, únicas e irrepetibles, pois ninguén coma NOS sabía insinuar que esa distancia era unha especie de morte presentida. 

Fixéchesnos latexar dentro “Os dous de sempre”, ese sapo e ese paxaro que somos, o apegado ó chan e o que voa, o que nos arrastra e o que nos fai libres. Todos tan iguais á fin, Castelao. Tecendo luces e sombras deches trazos ás caras e ós pensamentos cubrindo de elegancia e sinxeleza ese vivir popular do teu tempo. Con humor amable acariñabas a seres especiais que se cruzaron no teu camiño, e conseguiches que “Peito de Lobo” se acabara sentindo poderoso, que “Sabela” admirara orgullosa ó seu bailador e que Melchor, o pai de Migueliño, crera, grazas a ti, nos anxos e nas estrelas porque aquel “Retrato” teu fixéralle infinita a alma. 

Querido Castelao, ti que buscaches as “Cruces de pedra na Bretaña” cando morreu o teu único fillo, porque así , coma a pedra era a frialdade seca do teu sentir atopaches a forza na “alba da gloria”, ti que dixeches que “Os vellos non deben namorarse”, creaches a Lela, idílica muller que conseguiu namorar coa súa doce canción tamén ós mozos…

Castelao onte e “Sempre en Galiza”. Para ti esta lembranza nos 130 anos do teu nacemento, xa que por ti sabemos que as nubes poden chorar e no noso corazón pode chover. Vai por ti: Lela, Lela, Leliña por quen eu morro… /quero mirarme nas meniñas dos teus ollos…

Te puede interesar