Opinión

UN CONTO PARA O RITO DO MAGOSTO

Aquel lume máxico contoume unha lenda un día de outono?


Os rapaces preparaban o magosto, colocaban a leña, acenderon a fogueira e miraron para as brasas coas meixelas coloradas e ardentes. Preguntábanse uns a os outros que querían ser de grandes. Unha dixo enfermeira, outro futbolista, aquel outro 'famoso'.


-Pois eu , magosteiro.


-¿Quen dixo magosteiro?


-Eu -dixo unha voz animada (é dicir: chea de 'alma').


-E logo ¿qué profesion é esa?


-É a profesión de quen cada outono, sabendo que os días son máis curtos e que as noites son máis longas, acende o lume para ver os camiños. Así fará das chamas, faros para guiar a quen se perda na penumbra. Cando chegue o frío do inverno, fará unha fogueira enorme para quentar os pés e poder seguir andando. A fogueira será unha antorcha xigante que devolve a calor ó corpo e non deixa entumecer o espírito. Nela asaremos as castañas e cando estoupen, o magosteiro saberá -como sabían os seus antepasados- dicir aquello: 'outra alma se liberou'. E todos mirarán para o magosteiro polo seu saber e pensarán que non hai outro mellor, porque busco un monte alto, unha encrucillada ou unha cova para abrir de par en par aquel lume de todos como se fora un gran teatro. Colocarei a leña en forma de triángulo e arredor formaremos un círculo -a xeometría é moi importante- e chamarei a vellos e a nenos, xente sen idade, a aquel concilio que nos acepta a todos tal como somos, facendo de nós unha familia que sabe vivir o momento presente con xúbilo e alegría. Non hai inverno se hai calor, non hai escuridade se hai luz. É aí o alimento espiritual deste ritual máxico. Eso seino eu ben que son magosteiro.


-¿E onde estudaches ti esa profesión? -preguntoulle un dos que alí estaban.


-Falei co esquío e co toupo, co moucho e coa curuxa, e fixen a miña tese doctoral con don Vagalume, experto en filosofías célticas.


-Pois si que che ten ciencia facer unha fogueira, eu que penséi que era xuntar guizos, pitelos abondo e lume de carozo!


-Esta non é unha fogueira calquera!! É o rito iniciático dos Sabios! Buscar no monte aberto é buscarse, entregarse o Templo que é a Natureza. Ela é a Gran Nai, a Patria verdadeira do Ser. Xogar, bailar, cantar, saltar enriba do lume, e pintarnos coa cinza forman a liturgia, ademáis de saber que aquela boa acción do noso patrono, compartindo a súa capa cun pobre, concedeunos o regalo do veranciño de San Martiño.


-Pois si que está versado este rapaciño -pensaban os outros.


-Ah, e por suposto o neno que queira nacer nestes días tan sinalados será nomeado Druída de Honor. Se entre vós se atopa algún que estea neste caso, ¡que se pronuncie!


E aquel grupo de cativos que festexaban o Día de San Martiño alegres e entusiasmados berraron ó unisono: ¡¡¡Felicidades Andrés!!!

Te puede interesar