Opinión

CONTO DE VERÁN PARA A HISTORIA

Vale pois mañá esperámoste na base.

Estábate invitando a entrar no seu mundo aquel neno co que xogaras varios días. Gañaras a súa confianza.

-E que é “a base”? -preguntácheslle sorprendido.

-Aquelo!

O neno aceneounos hacia o monte. Alí -como querendo abrazar a ladeira- había un valado de pedras colocadas en forma de media lúa.

-E que é a base? -volviches preguntar.

Xesus tomou aire delicadamente, coma se quixera indicarnos que se trataba dunha longa explicación. “Empezar de cero” era a frase que parecía rondalo –invisible-. Así que con toda a súa paciencia empezou :

-Foron uns rapaces máis vellos ca nós os que empezaron a poñer pedras aquí. Un día deixaron que lles axudaramos nós, os máis pequenos; dende entón seguimos colocando unha detrás de outra e fixemos esta parede para xogar a que somos guerreiros e que atacamos ós piratas que queren vir invadir Baiona. Outras veces tamén xogamos que somos nós os piratas… pasámolo moi ben. Cando ven esto os turistas pensan que o fixeron os celtas.

Botounos un sorriso cómplice e quíxonos levar alí.

Unha parede semicircular agochaba pequenos buratos que Xesus destapaba para amosarnos as pertenencias que levaban conseguido. Chapas de tódalas bebidas, de tódalas cores parecían recibir os nosos ollos atentos facendo soar o seu “¡chín chín!

-Estes son os tesouros -dicía Xesus admirándoos, coma se aínda estivera vivindo a cruel batalla na que recuperaran aqueles cofres cheos de moedas de ouro, de xoias, alafaias e pedras preciosas de radiantes cores e brillos…

-E estas, as armas…

Levounos a outro burato máis amplo. Paus de diferentes tamaños e grosor xacían no chan a espera do momento no que os valentes soldados viñeran facer xustiza.


-E con esto lanzamos pedras cando os vemos sair do barco. Este é pequeno pero mira este, Andrés. Este é o tirachinas xigante.

Falaba de cómo ían avanzando os piratas terra adentro, e a medida que ía explicando, o entusiasmo daquel neno era maior, así que, sen percatarnos metémonos na historia de Baiona, conducidos por un heroe, entre homes e mulleres que loitaban polo seu, coñecemos ó indio que se aliou ós bos e lles axudou na batalla. Vimos como despois o mataron –“entre moitos, porque o indio no corpo a corpo vencía sempre”-. Subimos coas espadas atacar ós barcos enemigos, raxamos as velas, cortamos o aire, berramoslle ó mar, volvemos subir ó monte a protexer ós nosos, salvámoslle a vida ó indio fiel, e chegamos ó castelo e alí… cambioulle a cara a Xesus

-Estamos no castelo e eles están subindo pola escaleira, deixádeme a mín, ¡voulle botar o aceite quente….! ¡Ben! ¡Vencemos!

Fíxose un silencio, e Xesus, coma despois dun trance, volveu a vernos de verdade a nós. Andrés rematou: “E morreron os malos”

-Esto do aceite é certo -concluiu Xesus-, explicáronnolo no colexio.

A historia de Baiona na boca dun neno de 10 anos e nós, meu neno lindo, tendo o privilexio de vivilo, nadando empapados de auga, sal e suor, pero co sabor marabilloso da victoria.

Te puede interesar