Opinión

Día do libro no ano Cervantes

Oh, ilustre e venerable ancián, sabio, compasivo, aventureiro, nobre e leal cabaleiro e home de honor! Oh maxestuoso señor de tódolos saberes que, amante da liberdade e dos dereitos humanos, es quen de apreixar e suxeitar as palabras unha a unha con poderosas cadeas e nós de ferro para esclavizalas en virtude da expresividade e do sentimento máis feroz. En cárceres de papel de delicadas follas, co sangue derramado da tinta, conseguiches a máis letal e insigne batalla: trasmitir a cultura de pobo en pobo, de xeración en xeración, polos séculos dos séculos… Oh, inxeñosa creación que, inocente é á vez despiadada, buscas a verdade con desesperación, o amor con fervente paixón e a beleza sobre tódalas cousas habidas e por haber. 

Oh libro, amada criatura! Tantas veces entre os meus brazos, palpitante. Tantas sobre o meu peito ata facerme durmir de arrebato, tantas dentro dos meus ollos e dos meus soños e da miña alma sempre bautizada por ti. A vida nos libros da Vida, a morte nos libros da Morte, a dúbida nos libros do Misterio. 

Oh, libro, creador do que somos, do que amamos e do que ansiamos ser! Marabillosa presenza que nos acompañas con paso decidido nun sutil secuestro para conducirnos, guiarnos, iluminarnos, seducirnos, rescatarnos ou perdernos na viaxe que nos trae de volta a nós.

Te puede interesar