Opinión

Don Quixote no Samaín

Leal Sancho, non sabes ti ben que morriña me dan a min estes días do outono curtos e lentos , nos que o tempo acada unha dimensión escatolóxica, ou filosófica, ou poética… non sei, Sancho, pero sinto o pasar do tempo sobre as cousas e sobre nós, e prodúceme un desacougo infinito. Todo pasa, Sancho. Nada permanece. 

-Non se me poña así vuesa mercede, que ese mal da nostalxia é contaxioso, e facémola boa se quedamos sen forzas para desfacer entortos. Aínda que ben coñecido é por todos que esta estación pon os poetas e os filósofos especialmente románticos e enigmáticos. 
-Ensoñación, Sancho, existencialismo. 
-Eu nada sei deso, vuesa mercede, que a miña natureza ruda non coñece esas elevadas sensacións dos intelectuais. Pero si teño oído que ese mal provócao a caída da folla. 
-As follas, vítimas do tempo coma nós, Sancho. Mira se estou acongoxado que xa vexo ó alén unha procesión de almas en pena que veñen por min. Chegou a miña hora, Sancho, grazas pola túa lealdade. 
-Talmente semella a Santa Compaña. Deus nos libre! Ai, meu nobre fidalgo, van ter razón os estudosos deste ilustre libro de aventuras que, neste intre acontece a “quixotización de Sancho” e xa vexo eu o mesmo ca vuesa mercede. Xa lle dixen eu que a nostalxia é contaxiosa!
-Observa Sancho como se achegan as brancas caveiras de osos destartalados, mira o seu mirar sen fondo de ollo, mira a transparencia da saba que os envolve e…
-Non siga por Deus, que ben os vexo vir e non podo fuxir… Sabe vuesa mercede que a min enseguida se me descompón o corpo…
-Hei de dicirche outra vez aquela frase do libro porque “huele y no a ambar”, Sancho. O tempo chegou, has soltar amarras e deixarte levar. 
-Xa xa, xa me soltei. Xa llo dixen… pero estas cabazas e eses morcegos que queren de nós?
-O máis alá chámanos. Escoita esas voces ocas e acompasadas que rompen o silencio. Escoitas ese rezo?
(Voces) As portas do mais alá ábrense agora, oh Samain, confunde as dimensións e deíxanos bicar ós nosos antepasados traéndonolos á nosa presenza!
-Eu son Sancho Panza, e non queremos aínda máis alá que co máis acá temos suficiente! Oh Samain non te trabuques de dimensión. 
O grupo dos espíritos sorríalles e cortesmente díxolles:
-Non collerían vostedes medo? O Samain é unha tradición dos nosos celtas na que veneramos os nosos ancestros, eses seres que tanto amamos cando estiveron connosco. É a maneira de aceptar que a morte é a nai da vida e non ten por que darnos medo, só respecto e admiración. A luz non ten cabida sen a sombra. Atópase ben, Don Quixote? Está moi fraco e branco…!
-A delgada complexión é cousa do idealismo e a brancura é a cor que se me puxo con esta historia máis cruda cá dos muiños pero que tan ben representa e simboliza a existencia. Sancho esto é realidade ou fantasía?
-Non llo sei, vuesa mercede. Será o outono que o confunde todo. 
-Será logo a caída da folla... 
-Será, pero despois da folla cae a castaña vuesa mercede, e o magosto tamén é unha festa celta. Así que vaiamos á paparota. 
-Ben dito Sancho, “el muerto al hoyo y el vivo al bollo”
-Ai, nobre fidalgo, con esta frase constata vuesa mercede a “sanchización do Quixote.”
-Acudamos pois sen tardanza, Sancho, non vaia ser que se queimen.

Te puede interesar