Opinión

Don Quixote e Sancho dinnos adeus

As copas estralaban ó xuntarse unhas coas outras e debuxábanse sorrisos nas caras dos que cantaban e bailaban para despedir o ano vello. 

-Chegou a hora de dicirvos adeus, xente amable destas Terras da Ribeira Sacra. Este fidalgo agradécevos as atencións e prebendas, as lisonxas e dádivas, as excelencias do voso proceder. 

-Máis lle debemos nós a vuesa mercede, que veu cando foi requerida a súa presenza nestes lares e acudiu presto á miña chamada de encantada admiradora. 

-Salerosa zagala, unha e mil veces viría eu a este lar onde a túa familia tomou aposento e onde tan fermosa vida tiveron a ben vivir, xenerosos e bondadosos sen igual. Orgullosa deles has de estar ata a fin dos teus días. E nós, partir habemos a Terras da Mancha onde Sancho ha de tornar para ver ós seus i eu irei a onde estaba, no Soño Letal tan precioso e doce no que non sinto os ósos cansos nin as ansias vencidas, alí onde reina a celestial paz. Sancho onde andas?

-Aquí, á súa beira, nobre fidalgo -dixo Sancho colorado coma as cereixas, co vaso case baleiro e perdendo o equilibrio-. Pois nós somos”os dous de sempre” o “roto para o descosido”, “xuntou o roxo co coxo” o Zipi e o Zape... 

-Non abuses do viño, leal amigo, pois volver habemos sen demora, que o noso tempo aquí rematando está, e desa guisa non te vas ter nin de pé nin sentado no teu rucio. 

-Irme de aquí é coma deixar o ceo, Don Quixote. Ganas me dan de ir buscar a miña dona e vir vivir aquí para sempre. E vuesa mercede non volva ó seu Soño Eterno que “é a vida unha ilusión” e se vuesa mercede se me vai, perdo a forza e o entusiasmo “é vivo sen vivir en mín”. 

-Sancho, coas miñas confesións ó longo do camiño e a filosofía natural destas xentes de alma de Sil, estás feito un sabio, un home feito e dereito, preparado para volver á túa casa e que todos vexan que o mundo entrou en ti e ti nel. 

-Pero o mundo nada é sen ilusión, a realidade nada sen a fantasía, e o todo nada é sen a nada. 

-Do viño destas empinadas calzadas beberon os emperadores romanos e eles son os que che inspiran tales prédicas, Sancho. Doume por conforme ó ver que espertaches do letargo no que a materia te tiña sometido. 

A simpática taberneira interrumpiu con voz cantarina:

-Un chocolate quentiño antes de marchar!

-Estes contrastes, Don Quixote, estes contrastes alegres son os que me fixeron espertar a min. Esta xente leva a paixón, a abundancia e a ledicia en cada golpe de voz. Aínda non marchei e xa quero volver. 

-E a todos vós, xente de ben -dixo Don Quixote-, que a vida vos sorprenda coa súa grandeza. Feliz 2017. E agora, partir habemos. 

No medio da noite , traspasados pola xeada e o frío de decembro, marchaban os nosos protagonistas. A xente aceneaba dende o lonxe e eles miraban cun silencio de xeo. As siluetas eran cada vez máis diminutas. Eu contemplábaos emocionada e lembraba os episodios vividos co noso Don Quixote e Sancho galegos -máis nosos ca nunca- caíndo arrebollóns nos soutos, cazando pokemons cos nenos, desafiando ós Cabaleiros da ESO, bailando ó son do noso cantar. Resistíame a deixalo ir, algo me dicía que o fantasioso fidalgo tiña unha mensaxe para min así que corrín detrás deles e berreille:

-Vuesa mercede, non se vaia sen me dicir o que me ten que dicir. 

Sen mirar atrás, sen deterse e perdéndose entre a negrura lanzou unhas palabras de carambelo que escribiron na friaxe un precepto. 

-A luz sempre trunfa, rapaciña!

Quedei paralizada coma unha estatua. Dubidei do que acababa de oir, do que acababa de vivir. Algunha vez estiveran aquí tan ilustres criaturas? Querido lector, fora certo ou soñárao, fora vivido ou imaxinado? Vostede estaba comigo!... 

Pestenexaban os astros no firmamento, magníficos, perfectos, excelsos, inmensos e eles non eran produto da miña imaxinación. Serían as estrelas as que me estaban soñando a min?

-Cando fala de luz, vuesa mercede, parece que se fai máis clara esta noite pecha e dánme ganas de cantar. 

-Canta Sancho, canta, que non che queda nada ata chegar á Mancha, e a min, un suspiro tan só me separa da eternidade. Feliz ano novo, leal amigo. 

-Feliz volta á casa, nobre cabaleiro. “Carrascás, carrascás, que bonita serenata… Carrascás, carrascás…”

Te puede interesar