Opinión

Don Quixote volve á Ribeira Sacra

Noutra ocasión, amigo Sancho, subimos xa por esta petada convocados pola rapaciña do nome de mar que empecinada está en que volvamos a esta súa terra .

-Esta rapaciña, meu nobre señor, non repara nun sinxelo asunto: que nós viñemos das terras chas de “cuyo nombre no quiero acordarme” e estas costas empinadas non son doadas para as bestas que nos levan ó lombo.

-Sancho, Sancho! Cando aprenderás a non queixarte e sequir adiante, confiado e forte, o elegante oficio dos cabaleiros andantes. “Andantes!”, amigo Sancho, non importa a terra nin as xentes… “andantes”.

-Xa, vuesa mercede, pero vexo o meu rufio que xa bota os fígados subindo por este souto de castiñeiros. Tanto se empina que eu esbarando vou pouco a pouco e chegándolle estou ó rabo do perpendicular que vai esto…

-Tés que moderar a inxesta de graxas, nobre escudeiro. Pois máis redondas que as alforxas son as túas cachas! Cando lle chegues ó rabo será o indicativo de que xa é hora de darlle descanso e auga a Rocinante e ó teu rucio. Aquí todo é sinal e maxia... pois así falan os deuses. Ves? Aí está a Fonte de Riocabe de augas cristaliñas e saborosas, saciadoras dos corpos e das almas. Bebamos pois, e deitémonos á sombra sanadora destas árbores centenarias. Que oian a nosa voz co mesmo silencio co que escoitaron as dos seus moradores hai centos de anos.

-Que boa e fresca está, meu señor! Véñase mollar e descanse, antes de seguir aconchando por aí arriba.

-Mira, fiel Sancho, que fermoso cadro este estoupido de verdes, mira como estralan as veas das follas e como xogan as fadas entre a ramaxe das silvas e os troncos sinuosos. Oh, divina Dulcinea, sempre comigo o teu recordo e o latexo do teu amor bucólico secuestrando o meu corazón! Sancho, Sancho, o amor é un milagre permanente.

-Ben seguro, meu señor. Vostede siga lanzándolle versos ó amor que eu vou ir indo cara esa bodega vella que arrecende a viño novo… Que ben lembro eu a ese sr. Francisco e os seus tacos de xamón. Traíolle a vuesa mercede un anaquiño de pan?

-Vai, vai, Sancho, co teu primario proceder e dalle saúdos a ese bo home viñador que eu quedo enredado, coma esta humilde hedra, na súa labor. Que aquí, nestas fragas sagradas deste escollido pobo, ha saber pagarlle a natureza a este fidalgo soñador cunhas saborosas froitas silvestres,

-Sexa así entón, nobre señor, que eu vou entón vivindo, quero decir, bebendo, mentres vuesa mercede -e perdoe a expresión- vai ás apoútigas.

-Cada un na súa esencia, Sancho, cada un na súa esencia!

Te puede interesar