Opinión

Don Quixote volve por San Xoan

Sigamos, leal Sancho, estes misteriosos camiños que deixan atrás Peares e nos conducen á alegre terra de Moura. Alí descansaremos e desfrutaremos das entrañables veladas da familia do acordionista e da súa fermosa muller, a taberneira máis resalada e salerosa do reino. Oh, linda Dulcinea, teu é o meu amor por sempre! Pero é menester recoñecer, Sancho amigo, que moi poucas veces temos atopado seres que alimenten tanto o espírito coma esta familia de xenerosos artistas.

-Ben di, vuesa mercede, que é sabio coñecedor das cualidades e psicoloxías humanas… o que eu non atopei é quen preparara tan ben as torradas e os pinchos de orella!

-Orella, Sancho, aguza a orella , e os ollos e o narís que sinto que o malvado inimigo que me persigue quere facer das súas. Non cheiras o lume das súas ás batendo veloces cara nós, non escoitas eses seus berros desafiantes , retándonos? Non ves, cada vez máis cerca, esas línguas de lume coas que quere difamarnos co seu proceder furibundo de bestial dragón e dobregarnos e confundirnos, con tal de que abandonemos a recta senda da honestidade? Non fuxas, cobarde criatura, que o teu dente ardente non poderá xamáis coa verdade e coa xustiza!

-Meu señor, o que a vostede lle cheira son as sardiñas que se están asando, o que escoita son os aturuxos da xente na festa e o que ve é a fogata de San Xoan, meu nobre cabaleiro. Non faga galopar a Rocinante a esa velocidade se non quere que sexan as brasas o seu destino. En todo caso faga que salte enriba da fogueira que din que dá moita sorte…!

-Saltarei, nobre escudeiro, saltarei…! Como vas entendendo, amigo Sancho, que as meigas que hoxe se convocan arredor desta luz purificadora son cómplices da nosa elevada misión e que soamente de ben e de beleza nos veñen inspirar. De tódolos xeitos -pois as chamas eran poderosas- non estaría mal que me foras preparando o Bálsamo de Firabrás.

Te puede interesar