Opinión

Entroideando

Entroideamos, meu amor? Mira o mundo arredor e non pares de rir. Que xa vai a mociña con bigotes de gata, e o sultán recitando arameo que soa á galego. A velliña e a nena intercambian o rol e da gusto ver a meniña mover a faltriqueira. O faraón corre tralo escravo para quitarlle o tesouro, e mendicando está un home envolto en cadeas de ouro e pedras preciosas de brillo cegador. O ouropel, a vaidade e a fachenda queren conquistar un reino en territorio descoñecido, no que soarán golpes de latón cada vez que pronuncien a palabra “eu”. O mandamáis dos mandamenos está pronunciando o seu discurso enriba do chimpín estragado e de motor enferruxado, mentres os mozos alzan o fachón de lume proclamando como raíña á alegría. Coa cabeza gacha vai quen quixo telo todo sen escrúpulos e con corpo san e erguido avanza quen se ten a si mesmo: humilde e satisfeito. Sometidos ó escarnio popular van os corruptos, tratados como mecos, adefesios e felos que fixeron da mentira o seu templo e do roubo o seu prestixio. Dín os vellos que os cartos gañados con suor levan a protección dos deuses e pobre de aquel que…

Bailemos e cantemos meu amor, e aprétame con esas túas mans limpas de home traballador. Deixemos que as caretas conten a verdade e que a ledicia xenuina brille nos teus ollos oceánicos i eu serei unha lanchita feliz.

Co seu canto, o galo do mencer aviva o Entroido e coa súa risa luminosa colle forza e atravesa o ceo abrindo as ás de tal maneira que parece un gavilán ou un cóndor. Quixo trocar o seu doméstico andar pola liberdade lixeira e asilvestrada coa que mecen as nubes o seu corpo. Entroideando, o mundo transforma o seu cariz xogando a buscar a luz que proxecta sombras.

Te puede interesar