Opinión

A escola é a vida

Repasaba co meu neno o exame de matemáticas no que temos que saber aplicar a propiedade distributiva. Con que gracia e facilidade calculaba o valor das parénteses e o do producto! Con que ledicia chegaba ó mesmo resultado e colocaba o signo igual. Vendo a súa mirada concentrada e a lixeireza coa que apreta o dedo índice sobre o lápis, saber distribuir parecía un xogo de nenos. Reflexiono: e os maiores, sabemos distribuir?Damos a mesma cantidade de respeto e estima ós misioneiros (coa bondade dos santos) que trouxemos a curar ó noso país, e á auxiliar de enfermería que voluntariamente (vontade altamente altruista) acepta curalos e socorrelos? (Como bos matemáticos sabemos que debemos empezar por calcular o resultado das parénteses.) Regalaría vostede tarxetas especiais para facer falcatruadas pagadas cos cartos “del sudor de su frente” dos homes e mulleres que están evitando que este país noso caia en pedazos?

A lección de Naturais fala da célula, da grandeza do ser humano, da vida. Ese milagro que temos agora mesmo e que nos pasa desapercibido tantas veces! Reflexiono: o Premio Princesa de Asturias para este personal médico do Hospital Carlos III. Homes e mulleres que escolleron como vocación a medicina e que demostran que salvar, curar, mimar e consolar é o que os fai poderosos -xente sen medo- entregándolle ó mundo o mellor de si mesmos. Dándose en ben da Humanidade -co seu esforzo e traballo infatigable- están poñendo as bases para que unha fórmula efectiva contra esta grave enfermidade sexa pronto unha realidade. Merecerían esta compensación!

O tema de Sociais fálanos das galaxias e da inmensidade do Universo, recordándonos que hai algo aí nas alturas que nos fai pequenos, que a Via Láctea segue guiando ós que camiñan a Compostela e que en calquera momento pode nacer unha supernova: Teresa, galeguiña bonita. 

Imos encaixando o novo curso, no que a escola é a vida e a vida unha escola. Antes de durmir, por suposto, teremos que xogar un pouco con Platero, meu neno, e brincaremos con el entre “los lirios amarillos y las flores gualdas”. Quero que sexan as Musas da Poesía as que che abran as portas dos soños.

Te puede interesar