Opinión

O galego é dos galegos

Anosa língua naceu para ser a fala dos poetas. Naqueles tempos medievais ningunha melodía soaba coma o galego para cantar e chorar as coitas de amor ou desamor. Naceu coa armonía das ondas do mar e retrataba ó sensual “amigo” que levaba no seu mirar o corazón desconsolado e sen acougo da amada que morría de saudade.

Chegou ata nós despois de moitos ventos e mareas, de coñecer moitos portos e despedir neles a moita xente que se foi. Se hai “un galego na lúa “como dí a canción, alí, oirase unha das línguas de maior esplendor e dozura, e Selene pediralle unha rima para os seus momentos de introspección.

Vai este artigo hoxe especialmente adicado ós que perpetúan este son de mar, esta brisa de monte, esta sinfonía delicada que é o noso idioma.

A nosa fala é graciosa e refinada, pero na voz dos nenos é especialmente doce. Encántame oílos falar cos seus avós. É un xesto de educación e de profundo respecto por eles, que conservaron para todos e ata os nosos días, este patrimonio de incalculable valor, o verdadeiro legado dos galegos. A cultura e os estudos fíxéronnos comprender que ter un idioma é ter un tesouro. A fala somos nós. Falamos galego porque somos galegos. Os nosos antepasados fixeron cantigas e bailes co noso son, panxoliñas, adiviñas, xogos populares, cancións de roulo para durmir ós meniños, albas para recibir ó novo día , elexías para decir adeus, composicións pícaras e cheas de humor para facernos rir, contos para desentrañar o misterio da vida... Terriña, como bicas a miña boca cando falo de ti!

Galicia é maxestuosa e grande, unha princesa vestida con roupa sinxela, á que non todo o mundo lle sabe comprender a súa elegante humildade. Pero ten un fogar especial para os que protexen este tesouro e entoan , comunicándose, esa cancionciña melosa, con ese cariño, que é a verdadeira música que a ennobrece. Falala é sentila . Sentila é gozala. Esa é a maxia da súa expresividade máis alá das palabras. Querela, como queremos ós avós.

Te puede interesar