Opinión

Manuel María no Día das Letras Galegas 2016

Na Terra Chá de Lugo, nacías un 6 de outubro, Manuel María. Toda a forza magnética do outono estaba dentro de ti, “muiñeiro de brétemas”, e con aire de filósofo quixeches desentrañar o que está agochado no silencio e na escuridade dos días, dándolle forma os teus froitos e flores: poesía, teatro, narrativa, ensaio ou xornalismo literario. Foi o teu sol a poesía. Dende a máis intimista e persoal á máis cívica e comprometida con esta Terra que tanto amabas, esta “Galicia” que ten grazas a ti un dos poemas máis fermosos e emotivos. Soubeches chegar á xente maior e leváchelos no teu “carro” co seu eixo nostálxico e morriñoso, atravesando o vello pobo que cada quen leva dentro. Tamén levaches ós nosos nenos onda “A señora Lúa/ a Lúa Lueira/ se non da co sol/ quedará solteira”, ó “Arco da vella”, e escoitaron contigo o canto do “cuco”. Coa “rebelión das ovellas” evitarás que morran os “soños na gaiola”. Dixéchesnos onde mora o vento e lembráchenos que somos unha tribo de homes bos e xenerosos que sempre teremos “catro ríos” onde saciar a sede se sabemos comer “o pan da alma”.

Manuel María, novos e vellos ó amparo das túas letras… porque
“Galicia somos nós
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tés que atopala”.

Te puede interesar