Opinión

Namorados (2016)

Namórase o gato da gata, o sapo da sapiña. O sol da lúa. Os teus bicos dos meus e as miñas mans do teu corpo. Namórase a risa do pranto e a bágoa do solpor. O burro da burra e o sacho da aixada. Cómense cos ollos os mozos do parque; non pestenexa o panadeiro cando chega a carniceira e a estudante bebe os ventos polo pedagogo. Os adolescentes non queren nunca separarse e a parella de velliños xa non vive un sen o outro. O aroma arrebatador fai que os soños queden presos nas almofadas que teñen a cara de tódolos amores.

Namórase o día da noite, a tardiña da mañá. O corazón da música para sentir e renacer a cada latexo. Busca o orballo a rosa, a fonte o carballo e a inmensidade do espazo ó átomo diminuto. Busca a distancia unha aperta e o ausente a lonxanía, buscan os pasos compaña, e o creador a súa criatura. E este conto de San Valentín vai buscando, a quen un día , solitario e romántico lle preguntou á inxenua margarida que todo o sabe: “Quéreme ou non me quere?”

Ai, o amor, tan inocente sempre!

Te puede interesar