Opinión

Neve nos altos

A dama branca soltaba a súa melena sobre o cumio do monte no que a águia ten o seu niño e acariña o horizonte coas súas mans de princesa. O seu corpo xuvenil e fermoso repousa na ladeira escarpada onde dormen os amieiros coas ramas adornadas de xarandóns. Os coelliños buscan o toco para abrigarse, chouta o cervo entre penedos buscando a cova garimosa. O xabarín xa formou o seu leito húmido e barrento, e a rata e o rato trituraron pitelos para xuntar os seus corpos na casiña de leña.

Que fermosa é a blancura da neve! Este silencio…! Que paz! Que fría e que tenra á vez! Sabe o vento a xeada e respírase un aire denso que parece alimentar. Xogan os nenos. Rin, e son os seus dentiños pequenas folerpas que veñen e van confundíndose co nevar intenso desta mañá de inverno. Lanzan bolas de imaxinarias loitas, balas, bombas de algodón que non firen nin matan e o seu alento xira coma unha pompa de cores enredándose en berros entusiastas. Poderase ser máis feliz? Poderá haber mellor cama para soñar que esta alegría? Teremos mellor metralla para esta guerra na que nos atacamos de maneira tan lene e inocente?

Vés correndo a abrazarme e achegas a mín a túa cariña. Conxelada. Transparente como un cristal a través do que case se che pode ver a alma. Frío o teu naris coloradiño de pallaso saltarín, meu neno, pero o teu bico e o teu corpo rezumando calor, tráenme o sol das tardiñas de verán máis apacibles mentres segue xogando e ardendo o noso corazón a lume lento.

Te puede interesar