Opinión

Un ramo especial para ti

Querida nai:

Recolle este ramo de flores-palabras como agasallo a ese teu labor-amor dende sempre, dende moito tempo antes de nacerme. Respira o seu aroma a sol. Pérdete na súa frescura de xasmín e lembra aquel día no que se miraron os nosos ollos na primeira luz, no intre máis puro e interminable, no máis amado e inocente, ese lugar-esencia onde nos citamos -en segredo- cando queremos atoparnos. 

Acepta este ramo de rosas sonoras no que cada sílaba é un alento dese aire que chegou de ti para mín, atando sagas e antepasados nunca cadea sen fin. É cada letra un latexo do teu corazón, esa túa melodía que impulsou, alegre e xeneroso, o meu sangue, confundíndose co musical fluir dos avós.

Sexa cada coma unha caricia, cada acento unha aperta e cada punto no i, un bico que estrale -caladiño, doce e sutil- envolvendo en ouro os máxicos momentos que che debo.

Recibe este ramo bordado de azucenas vibrantes con lazo florido para celebrar este rango superior, a distinguida categoría que se lle concede a quen dá vida con tanta entrega, e deíxame pronunciar con acento infantil, para volver ser a voz da túa nena pequena, a palabra máis fermosa do universo: “mamá”. Felicidades.

Te puede interesar